Rebaixas de Steam :: Unha chea de ideas á hora de mercar

Rebaixas de Steam :: Unha chea de ideas á hora de mercar

As rebaixas de verán de Steam son sempre unha excelente oportunidade para adquirir obras pendentes a prezos máis baixos que de costume. É certo que a súa relevancia foi decaendo debido a existencia de páxinas con ofertas e descontos todo o ano (G2A, Instant-Gaming…), pero non deixa de ter certo interese para o peto mergullarnos na biblioteca da que segue sendo a plataforma dixital de venda de videoxogos máis importante do mundo para PC.

Perante esta avalancha de títulos e nomes, pode vir ben algo de axuda, polo que a continuación acharás unha lista de obras dixitais divididas en base ao seu prezo. Non hai unha orde lóxica máis aló diso e, por motivos evidentes, faltarán títulos que poderían estar pero… así son as listaxes, que deben ter un comezo e un final. Porén, o primeiro apartado si irá máis aló dos euros que custen os xogos escollidos, e propón unha especie de «imprescindíbeis» de primeira liña nestas rebaixas.

Tes até o 9 de xullo para pensar e aforrar, claro.

Destacados

Devil May Cry 5

Dos seus 59,99 euros habituais pasa a uns tentadores 39,59 euros. Segue sendo un gasto importante, sobre todo tendo en conta que con cabeza e investimento, eses corenta euros ben se poden converter en catro xogos de altísima calidade, pero a última entrega da franquía Devil May Cry é adrenalina en estado puro.

Capcom demostra seguir en estado de graza con este hack & slash e propón unha aventura para gozarmos a tres bandas, con Nero, Dante e V. Tres estilos de combate, tres xeitos de matar demos. É un dos xogos do ano. A pouco que gostes da acción en terceira persoa non lamentarás a súa compra.

Assassin’s Creed Odyssey

A metade de prezo. Se buscas unha aventura longa, completa, chea de recunchos que explorar e non tes medo de ver centos de interrogantes polo mapa, Odyssey pode ser unha compra moi digna.

A franquía dos asasinos continúa a súa mutación cara a un sistema máis RPG e o cambio séntalle ben, sobre todo se temos en conta as erradas entregas antes de Origins (que tamén tes por pouco máis de 20 euros). É unha viaxe xenial á Grecia clásica, unha Odisea cargada de perigos e unha narrativa que, malia os seus fallos, mantén o interese.

As edicións Deluxe, Gold e Ultimate tamén están rebaixadas, estas dúas últimas cun 60 % de desconto.

Jurassic World Evolution

Sen dúbida, unha das ofertas máis potentes deste ano. Dos 44,95 euros pasa a 13,49 euros. Unha bicoca moi interesante se desexas ser John Hammond e xestionar o teu propio parque de dinosauros nunha illa do Pacífico.

O título vén de recibir novo contido e está asinado por Frontier Developments, un estudio que sempre é sinónimo de calidade en xogos desta clase. Non é unha obra de arte, tampouco o mellor xogo de xestión de parques da historia, pero a marca Jurassic Park sempre ten o seu aquel, sobre todo a este prezo.

Quen non quixo algunha vez dirixir o seu propio Parque Xurásico?

The Witcher 3: Wild Hunt

Un imprescindibél, a xoia da coroa de CD Projekt RED. Pouco que dicir sobre un xogo que foi encomiado unha e mil veces por crítica e público. Oferta decenas, mesmo centos de horas se así o desexas, de puro RPG na pel de Geralt de Rivia ás que se lle poden sumar outras tantas grazas ás súas expansións.

Por 14,99 euros (a súa versión GOTY, 8,99 euros a estándar) sempre é unha opción a ter en conta; por non falar do seu segundo capítulo, Assassins of Kings, que está a uns ridículos 2,99 euros. Se aínda non xogaches nunca a ningún The Witcher, esta podería ser a túa mellor opción.

Prey

Se segues o noso podcast, saberás que temos unha certa predilección por esta revisión creada por Arkane Studios e distribuída por Bethesda. Prey é unha aventura de supervivencia no espazo, ese baleiro onde os medos toman forma e atacan sen piedade.

Non é un título de mundo aberto, pero ofrece moitísimas opcións durante o camiño grazas ás súas mecánicas e progresión  de habilidades, armas e bifurcacións. Se pensas en Dishonored, estás no certo.

Por 14,99 euros a súa compra está máis que xustificada. Terror (na súa xusta medida) e acción en primeira persoa nunha estación espacial con máis misterios que sobreviventes. Soa ben, non?

Metal Gear Solid V: Phanton Pain

A última obra de Kojima até hoxe, que estamos a agardar a chegada de Death Stranding. Supuxo a fin do seu contrato con Konami e, tamén, a fin dunha era. A historia de Solid Snake e Big Boss dábase por rematada cun título de mundo aberto no que se combina dunha intelixente maneira a acción e o sixilo.

Por 11,99 euros, é case unha obrigación mercalo. É, ademais, a versión definitiva, e inclúe un bo número de extras.

Quizais pecou de ser ambicioso en exceso; sería difícil cualificalo como o mellor Metal Gear, pero está claro que quixo selo. A historia e a narrativa vanse disipando para que sexa o xogador quen tome o control total. Perante os seus ollos ten un escenario enorme no que decide como e cando atacar ao inimigo. Con algo de imaxinación e pericia, as misións son unha auténtica delicia grazas a todas as súas mecánicas.

Phanton Pain supón o punto e aparte da historia de Big Boss, pai de Solid Snake.

Nioh: Complete Edition

Se buscas acción e aventura semellantes á saga Souls estás no lugar adecuado. As influencias son obvias, pero Nioh triunfa onde outros títulos similares fracasaron, e faino porque consegue achegar unha orixinalidade real. Tena grazas a un sistema de combate delicado, veloz e profundo. Unha vez afondas nel, é moi gratificante ver que esas semellanzas iniciais vanse diluíndo até ser só unha lembranza, similar ao dunha primeira impresión.

Sorprende que a día de hoxe presente unhas críticas mixtas en Steam. É un gran título, divertido e esixente a partes iguais.

Ora ben, esa esixencia deriva nunha dificultade que vai in crescendo a medida que o camiño avanza. Si, chega a ser de auténtica tolemia nalgúns xefes. Por 19,99 a súa compra é máis que aconsellable, aínda que a día de hoxe os servidores en liña están semi mortos.

Todos os títulos lanzados pola compañía dona de Steam. Half-Life, Half-Life 2, Portal 2, Left 4 Dead, Counter-Strike… Custa pouco máis de 8 euros.

Que non estás convencido e queres un par de xogos concretos? Adiante. Custan uns céntimos por separado. Se aínda non tes Portal 2, aquí tes unha nova oportunidade para adquirilo a un prezo ridículo.

Rise of the Tomb Raider

Bicoca de libro. Por menos de dez euros tes a segunda entrega do reboot dunha franquía que volveu colocar a Lara Croft no Olimpo das aventuras. Namentres bebe do gurgullo de Uncharted, queda configurado como un título que mellora o seu anterior capítulo e queda por riba do peche que supón Shadow of the Tomb Raider, ao que lle faltou garra.

Explorar as decenas de tumbas que hai no xogo é todo un exercicio de diversión e misterio. Por 7,49 euros o difícil é dicirlle que non.

Xeo, choiva, roca… Lara demostra en Rise of the Tomb Raider o seu talento para a supervivencia.

XCOM 2

Se o teu é a estratexia por quendas… claro, é probable que xa teñas XCOM 2, por iso esta mensaxe vai dirixida a quen teña un mínimo de curiosidade polo xénero: compra XCOM 2 e di adeus ás túas amizades uns cuantos días.

É unha obra brillante a pouco máis de 12 euros. É esixente e os erros págalos caros. Quizais o inicio pareza duro, pero a medida que adquires coñecementos e aplicas o aprendido no campo de batalla a cousa irá mellor.

Yuppie Psycho

Veña, a rebaixa non é moi grande, tan só de 2 euros, pero os 14,16 euros que custa o novo fillo de Baroque Decay vale cada céntimo. Terror en pixel-art que mestura humor e aventura a través dunha historia absorbente e enigmática.

E si, podes xogalo en galego. Se queres saber máis sempre tes a súa análise, pero gozar de Yuppie Psycho sen o máis mínimo coñecemento da súa trama tamén é unha idea das boas.

Yuppie Psycho sorprende pola súa apaixonante historia, contada a través dun guión sobresaliente entre o terror e o humor esperpéntico.

Por preto de vinte euros

Divinity: Original Sin 2 – Definitive Edition (25,19 €)

Un título colosal, con todas as letras. RPG puro en perspectiva isométrica cunha historia fiada con paixón, moi vella escola, e combates por quendas onde a estratexia é un grao.

É difícil saír do mundo de Rivellon, de verdade. A liberdade que outorga o xogo á hora de configurar os personaxes é brillante. Do melloriño que hai no xénero na actualidade, senón o mellor.

They are billions (22,49 €)

Éxito, quizais inesperado, do estudio sevillano Numantian Games. Trátase dun videoxogo de estratexia en tempo real con toques de distopía e supervivencia. A idea principal? Lograr evitar ser devorado polas hordas de zombis que queren acabar con todo.

A súa estética steampunk e a súa xogabilidade clásica pero fresca ao tacto fixeron de They are billions un lanzamento que xa en early access era un título viral. Non inventa, tampouco busca unha revolución, pero roza a perfección á hora de ser xogado. Fronte á estratexia tamén hai un factor sorte que xera certa tolemia por saber se seremos capaces de aguantar outro día máis. A seguridad nunca será plena.

Final Fantasy XV (24,99 €)

Última entrega da franquía Final Fantasy. Está lonxe do brillo cegador dos títulos de PlayStation e PlayStation 2, pero supón un saldo de calidade respecto do Final Fantasy XIII, por exemplo. A nivel visual, o título é un portento. Logra transmitir unha sensación de amizade e camaradería como poucas aventuras do mercado.

A día de hoxe é ben sabido o seu fatídico desenvolvemento, quizais por iso o mérito de Nomura de lograr traer ao mundo un xogo tan notable sexa maior. O tropezo final, coa cancelación de tres de catro DLC que ían ser publicados deixa unha mancha ao peche da aventura, pero… cun prezo razoable ben paga a pena subir ao coche de Noctis e deixar que os quilómetros suban no cadro de mandos.

Pode non ser o mellor Final Fantasy da historia, pero si mantén ese ton épico e aventureiro, coa amizade como alicerce fundamental.

Wolfenstein: The New Colossus (19,79 €)

Matar nazis a prezo reducido é sempre unha opción digna. A historia que narra a saga Wolfenstein xa é coñecida pola gran maioría do público, así que se tes interese en ver como os alemáns gañaron a II Guerra Mundial e agora dominan o mundo, este é o teu xogo. Evidentemente, o xogador é parte da resistencia que loita contra a opresión nazi.

Sangue, humor negro e moitos disparos. Tres elementos que combinados funcionan de marabilla nunha obra que viu a luz hai un par de anos e que agora agarda unha nova entrega.

Astroneer (20,99 €)

O espazo é un lugar con tantas posibilidades que a idea da súa exploración é recorrente na industria. Astroneer tamén tira dese tópico, e faio ben, moi ben. Poderíase definir como unha aventura de forte ambientación sandbox. Asina System Era Softworks.

O obxectivo? Colonizar planetas, crear estruturas e recursos mineiros… tarefas que poderemos facer tamén en compañía. Estreouse en febreiro, polo que o seu desconto do 25 % nestas rebaixas é bastante interesante. Ten un encanto propio, aínda que en moitas ocasións memos parezamos mineiro máis que astronautas.

Hitman 2 (23,99 €)

Outro título cun desconto moi forte tendo en conta que se estreou hai pouco máis de medio ano. Franquía convertida en clásica, cunha entrega que recupera a pregunta básica de todo Hitman: como quero matar este obxectivo?

Podes probar a primeira misión de maneira totalmente gratuíta, por se queres ir sen risco. Estar na pel do axente 47 case sempre deixa ese bo sabor de boca de planear-executar-fuxir. É agradábel que os plans saian ben.

O axente 47 volveu e mantén o seu peiteado.

Crash Bandicoot N’Sane Trilogy (23,99  €)

Claro exemplo de como facer unha revisión nestes tempos. N’Sane Trilogy trae de volta ao marsupial máis famoso dos videoxogos e brínda a oportunidade de revivir os tres xogos clásicos cos que gozamos e sufrimos en PlayStation.

Aínda que a xogabilidade e os niveis son os mesmos, trátase de títulos refeitos totalmente, desde cero, a nivel visual. Tres xogos polo prezo dun.

Soulcalibur VI (19,79 €)

Moi potente rebaixa a un xogo publicado en outubro do ano pasado. É certo, entramos en terreo nicho: loita e saga Soulcalibur. É posible que non sexa a túa primeira opción se non estás familiarizado con ningún destes dous conceptos pero… a idea queda sobre a mesa.

Posúe un rendemento excepcional, aínda que a economía interna que manexa o xogo peca de ser un pouco avarenta.

Valkyria Chronicles 4 (20,39 €)

Outro título cun desconto poderoso. Saíu en setembro e quizais pasou inadvertido pola enorme cantidade de obras que chegan cada mes, o que provoca a imposibilidade de estar en todo. Aínda así, todo aquel que o probou só pode falar marabillas do seu apartado gráfico, a súa intelixente estratexia e a súa filosofía intacta, fronte a entregas pasadas.

Excelente opción para aqueles que gozan tanto da estratexia militar como dos RPG. Ademais, chegou traducido; unha aposta que SEGA non fai con todos os títulos. Convén aproveitala.

Middle Earth: Shadow of War (19,99 €)

Se xogaches á primeira entrega, é case unha obriga mergullarse nesta. Para a súa desgraza, a polémica fixo aparición co seu lanzamento debido a un endgame alongado en exceso, que case inducía aos micropagos para poder avanzar a un ritmo decente. Unha mágoa que un detalle así enturbase a xogabilidade dun título realmente bo, que mellora o que xa creara e que quería máis.

O sistema Némesis é a súa gran baza e funciona de xeito xenial. Ten defectos, pero as virtudes que posúe perviven no recordo máis aló que os puntos negativos. Polo menos, é a sensación que hoxe teño, ano e medio longo despois da súa chegada.

Pisar a Terra Media é unha escusa máis que decente para comprar un xogo baseado no Señor dos Aneis.

Por menos de quince (ou case)

My Friend Pedro (14,27 €)

Chegou hai nada, é o xogo máis novo de toda a lista. Estes días seguramente poidas atopar moitos textos encomiando a súa excelente proposta de disparos, humor e violencia. Se un plátano contrata a un asasino para aniquilar a centos de inimigos, só queda aplaudir.

Se sentiches a necesidade de querer emular a John Wick, My Friend Pedro é unha opción moi válida. Unha contorna 2.5D e unha banda sonora que acompaña a acción da mellor maneira posible.

Dark Souls III (14,99 €)

Último Souls de Miyazaki e peche dunha triloxía que cambiou o mundo dos videoxogos. Non é o máis difícil dos tres, pero é máis esixente que o 99 % dos títulos lanzados nos últimos dez anos.

Trátase dunha obra complexa, que se pode vivir de diferentes xeitos e formas. A súa curiosa narrativa, o protagonista sen nome, a desesperación que conleva algún dos xefes… Hai que vivilo. E máis por ese prezo. É unha moi boa opción para te iniciar na obra de Miyazaki. O remaster do Dark Souls orixinal tamén está rebaixado, aínda que queda lonxe de ser unha revisión sobresaliente.

Stardew Valley (11,19 €)

Vicio en estado puro. Se es un pouco fan dos xogos de xestión con toques de aventura Stardew Valley absorberá sen remedio un bo tempo da túa vida.

O seu éxito vén avalado pola crítica e o público. Unha estética funcional, simple pero bela; aderezada por miles de cousas que facer a un prezo excelente. Ir á aldea na procura dunha vida mellor, máis tranquila, máis relaxada, máis… Mércao.

Hoxe, ter na biblioteca Stardew Valley é case unha obrigación por lei.

Celeste (11,99 €)

Outra marabilla. Dúas viaxes: a interior e a literal. O ascenso á cima dunha montaña por parte de Madeline e a loita contra uns demos que todos posuímos.

Chegou a estar nomeado ao GOTY e oxalá podermos dicir que foi seu. Unha obra deseñada a man, completa, desafiante e necesaria. Sobran as palabras. Se tamén sobran ou tes doce euros, pouca dúbida.

The Forest (10,07 €)

Se gozas dos xogos de supervivencia, esta ben podería ser unha das mellores ideas a ofrecer nesta listaxe. Para os que comezamos na súa alpha, o crecemento de The Forest é, nunha palabra, colosal. Por pouco máis de dez euros terás aseguradas horas e horas de diversión e tensión.

Un accidente aéreo, unha illa infestada de caníbales (e cousas peores). Fai un refuxio, crea muros, trampas, un fogar e investiga os segredos dun lugar que ten unha escura historia detrás. Ten un equilibrio nas súas mecánicas que o fixeron merecedor de aplausos en todo o mundo. Non poucas canles de Youtube viviron del un tempo. Tamén é compatible con RV.

Frostpunk (14,99 €)

Xoia das de verdade. Firma 11 bit studios (creadores de This War of Mine, do que logo falaremos) e só iso podería xa ser suficiente para a súa adquisición. Frostpunk é un xestor e simulador de cidades, pero cunha proposta de supervivencia tremendamente esixente polo medio. O mundo está xeado, os recursos escasean e debemos dar abrigo a unha poboación que evoluciona e cambia.

Contén mensaxes políticas e xuízos morais dunha maneira saudábel e filosófica. Xogar a ser Dios sempre é difícil, sobre todo, se ningunha opción está libre de pecado nun mundo no que a explotación infantil pode ser o único xeito de chegar ao mañá.

Achégase o inverno, e aquí non hai dragóns con lume infinito, senón unha caldeira que reclama carbón.

Dead Cells (16,71 €)

Outro deses títulos independentes que logrou gozar do éxito masivo. É un xogo de acción de plataformas de estilo rogue-like e inspirado en xogos tipo metroidvania. Morrer, renacer, morrer, volver nacer, volver caer. Unha repetición deliciosa.

Perante nós uns escenarios que cambian en cada ocasión, decenas de armas que usar e non poucos segredos por descubrir. O seu estilo pixel-art é inspirador, igual que o seu milimétrico sistema de combate. Se morres, non te equivoques, é culpa túa.

Dying Light Enchanced Edition (14,99 / 10,99 €)

Zombis e parkour. A combinación que sorprendeu no seu día e que, aínda que pareza imposible, mantense moi fresca. Xa pasaron catro anos desde o seu lanzamento pero a súa proposta segue viva e funciona á perfección.

A edición estándar conta cun prezou menor. Posúe unha sensación de axilidade e mobilidade por todo o mapa incríbel, derivada dunha construción de niveis intelixente e feita con agarimo. A súa segunda parte está en proceso de creación e pinta excelente. Quizais sexa un bo momento para darlle unhas horas a esta primeira entrega.

Tales of Berseria (12,49 €)

Gústanche os JRPG? Pois adiante, teclea o número da tarxeta e procede ao vicio.

Se es fan da franquía Tales of é moi probábel que xa o teñas. Non agardes unha revolución dentro do xénero, é “simplemente” unha aventura épica que vivir e gozar. Non é pouco. Difícil non caer namorado cos seus protagonistas.

Subnautica (14, 69 euros €)

Tamén un videoxogo independente que foi facendo o efecto bóla de neve: cada vez máis grande e mellor. Subnautica toma a supervivencia como base pero vai moito máis alá grazas á beleza que gardan as profundidades abisais.

Se mal non lembro, chegou a estar regalado na Epic Store, pero esa é outra movida. Se buscas unha aventura orixinal, diferente e gustas de craftear elementos, vehículos e demais trebellos, a obra de Unknown Worlds Entertainment está feita para ti.

O mar é sempre un escenario con moito que dicir dentro dos videoxogos. En Subnautica o seu protagonismo é absoluto.

Menos de dez euros

Rocket League (9,99 €)

Pouco que dicir. Diversión con coches que queren ser xogadores de fútbol. Este verán, como é habitual, conta co seu propio evento centrado nos anos 80 e as marcas máis coñecidas da época como Cazapantasmas ou Regreso ao futuro.

Os anos non impediron que siga gozando dun nutrido grupo de xogadores e que se manteña como un deporte electrónico de grande interese. Non está nas cifras dos máis grandes, pero está.

Tom Clancy’s Rainbow Six® Siege (9,99 €)

Un título que ao longo dos últimos meses sufriu un repunte de popularidade. Gañou o premio ‘Mellor con amigos’ dos Steam Awards 2018, o que demostra a súa vixencia.

HFai catro anos que viu a luz pero as continuas actualizacións de Ubisoft valéronlle algo máis que a supervivencia. Aínda que non sexas un mestre do aim, a propia natureza do xogo en equipo pode suplir a falta de puntería. A táctica prevalece. Tamén os xogadores tóxicos, que os hai.

Hollow Knight (8,99 €)

Prezo ridículo para unha obra mestra. Pensarás que lle estás a roubar aos seus creadores, Team Cherry. Un apartado gráfico excelente, unha xogabilidade abraiante e unha narración de alma Souls, aínda que con personalidade propia.

O deseño dos inimigos, os personaxes e a extrema esixencia que pide Hollow Knight convérteno nunha aventura épica como poucas, todo a través dun notorio número de escenarios interconectados grazas ao seu aspecto de metroidvania. O que ía ser un DLC, Silksong, converteuse xa nun título de seu que chegará o ano que vén.

Hollow Knight é unha obra mestra e un dos mellores videoxogos do 2017.

Cities: Skylines (6,99 €)

Se en Frostpunk hai unha tendencia á escuridade, Cities: Skylines é o seu oposto. Unha alcaldía luminosa na que con algo de imaxinación e bo gusto podemos construír a cidade dos nosos soños.

A cantidade de DLC que foi obtendo desde o seu lanzamento é grande, e os usuarios crearon centos (miles) de mods que o fan un título completísimo. É un xogo nicho, debes sentir estima pola construción e, dalgún modo, a arquitectura, pero é demasiado relaxante ver como, a ritmo da súa agradable música, a cidade toma forma.

Katana ZERO (9,36 €)

Xogo de acción e plataformas cunha estética neo-noir que fai que entre polos ollos. Logo, a acción vertixinosa e a violencia dos combates fan o resto.

Saíu en abril e este é un dos seus primeiros descontos potentes, situándoo embaixo dos dez euros. Non é unha aventura longa, nin o precisa; pero vale cada euro. Devolver Digital fai de aval.

Borderlands: The Handsome Collection (5,88 €)

A oferta máis besta de todas as rebaixas. Trátase dun pack valorado en 235,48 euros, pero que queda nuns míseros seis euros, nin iso.

Contén todo o material publicado para Borderlands 2 e Borderlands: A Pre-sequela. Compra obrigada, sobre todo se temos en conta que o terceiro capítulo numerado está ao virar a esquina.

Poucas escusas hai para non adquirir este pack, completo e barato.

GRIS (11,38 €)

Beleza e arte na súa máxima expresión. O título de Nomada Studio non parou de cultivar desde a súa aparición premios e recensións positivas. Non é para menos.

Xa, xa… Custa un pouco máis de 10 euros, pero hai que ser comprensivos. Trátase dunha viaxe emocional que pon os sentimentos a flor de pel. Simbolismo tras simbolismo. Aderézase cun sistema de xogo intelixente e que sabe evolucionar para non chegar a aburrir ou a lamentar nada durante as horas que GRIS sorprende.

Darkest Dungeon (6,89 €)

Outra perla a prezo de chiste. Trátase dun xogo de rol pero cun transfondo psicolóxico bestial. Cada mazmorra supón un exercicio de perda e de cálculo moi esixente. Os erros páganse cun prezo moi alto, mesmo demasiado.

O seu soberbio e persoal apartado gráfico faino único. Xa se anunciou unha segunda parte e o recibimento promete ser espectacular. Podes amalo e odialo a partes iguais.

Don’t Starve Together (5,99 €)

É a versión cooperativa de Dont Starve, que tamén podes adquirir por pouco máis de dous euros. Supervivencia e aventura pero dun xeito extremadamente intelixente e un debuxado de escándalo.

Non hai titorial, non hai indicacións, non hai nada. Só unha serie de biomas por descubrir, uns inimigos e unhas estacións que avanzan sen remedio para complicarnos a vida. Un ensario e erro continuo que en compañía asegura risas e moita leria.

Supervivencia cooperativa nun mundo por explorar onde non hai axudas, só intuición.

Enter the Gungeon (7,49 €)

Disparar sempre é unha arte dentro dos videoxogos. Facelo en Enter the Gungeon supón todo un exercicio de creatividade e diversión.

Áxil, dinámico, con elementos de rogue-like. Trátase dunha aventura que acerta en moitos das formulacións que propón e que oculta moi ben os seus defectos. Rirás con el, moito.

Moonlighter (9,99 €)

Outra das bandeiras que o videoxogo español levou con orgullo nos últimos tempos. A súa aposta por un xénero en auxe como o rogue-like valeulle un rápido achegamento ao público, que o abrazou e levantou a nivel internacional.

Un mercador que soña con ser un heroe. Non é unha tarefa fácil. Pode pecar de repetitivo, pero as primeiras horas pasan como minutos. O seu pixel-art tamén merece unha mención, é chulo como poucos.

Moonlighter é unha obra de Dixital Sun, estudio con sede en Valencia.

Nin cinco pesos…

Black Desert Online (4,99 €)

Trátase dun dos  MMORPG  do momento, o que é sinónimo de absorbe vidas a tempo completo. Coidado con lograr manter as amizades no mundo real, porque é un título que require tempo, e non pouco precisamente.

Malia estar de balde dentro da plataforma de Valve, hai tempo, o seu prezo actual podería ser merecedor dunha proba se estás na procura dun videoxogo deste estilo. Para a súa desgraza, o xogo conta con moitos puntos positivos, pero tamén con outros tantos negativos (unha IA pouco interseante nos inimigos, grindeo excesivo, micropagos…)

Life is Strange 2 (3,99 €, o primeiro episodio)

Un tráxico accidente golpea as vidas dos irmáns Sexan e Daniel Diaz. Poñen rumbo a México fuxindo da policía mentres loitan co mundo e consigo mesmos.

Unha narración viva, con mensaxe, que busca conectar co xogador. Faino. Prepara o pano e a escusa da area no ollo.

Move or Die (2,99 €)

O nome xa o di todo: a cousa é frenética pero tamén moi divertida. Diversos e orixinais mini xogos multixogador que obrigan a competir ao máis alto nivel mental.

As partidas duran un chisco breve e é unha opción xenial para ter a man en caso de querer botar unhas risas con algún amigo ou facer máis levadía calquera tipo de espera. Dá o que se lle pode pedir.

Tes cinco minutos? Tes tempo para unha partida a Move or Die.

Undertale (3,99 €)

Lenda indie e imprescindíbel co paso dos anos alá onde aparece. Poderíase definir coma un algo fantástico, capaz de namorar.

Trátase dun conto destinado a sobrevivir ao tempo, que comeza co corpo dun infante espertándose, nun leito de flores, tras caer ao mundo dos monstros desde a superficie. Poderíase escribir (e fíxose) sobre Undertale, pero máis aló diso, abonda dicir que hai que mercalo.

Reigns (1,49 €)

Quizais o euro e pico mellor investido da miña vida. Unha auténtica parodia dos xogos narrativos e de cartas.

Es un rei e tomas decisións, esquerda ou dereita. Só iso. Por diante unha infinidade de posibilidades e sucesos que che farán chorar da risa en máis dunha ocasión. Canto tempo pode un rei durar no trono? Menos do que parece, sobre todo en Reigns. Hai unha versión baseada en Xogo de Tronos, por certo.

Poly Bridge (2,04 €)

Clásico instantáneo que tivo o seu momento de gloria grazas aos diferentes youtubers que o escolleron como método de diversión e creación de contido.

Construír pontes en base a un axustado orzamento. Tan sinxelo e vicioso como iso. Xogar a ser enxeñeiro civil por dous euros non é mala cousa. En serio, moi entretido.

A vida é fácil, pero outras veces custa facer pontes e a cousa complícase.

Firewatch (4,99 €)

Obra excepcional de Campo Santo e Panic. Unha aventura de misterio en primeira persoa coa que é imposible sentir indiferenza. Se xogaches a Heavy Rain, Journey ou Dear Esther, colle sen medo.

A relación que se establece entre Henry e Delilah é xenial, tanto na súa construción como no seu fondo. A través dun apartado artístico sobresaliente aparece perante nós unha novela negra de aspecto adulto, que desde o seu lanzamento figura en case todas as listas de xogos de corte independente que debes xogar antes de palmala.

Batman: Arkham Knight (4,99 €)

Ser Batman. Con iso debería bastar para adquirilo a este prezo, pero tamén podemos engadir que pon fin á encomiada e galardoada triloxía de Arkham, creada por Rocksteady, franquía que revolucionou os xogos de acción en terceira persoa a través do seu sistema de combate.

Un mundo aberto materializado en Gotham. Lembro que tivo problemas no lanzamento, aínda que logo os erros de rendemento foron corrixidos e foi gañando enteiros desde aquel momento. Non é perfecto, nin pode selo; cae en certas reiteracións nas misións, aínda que tamén esconde multitude de segredos que buscar e colleitar. Paga a pena, iso seguro.

Hotline Miami 2: Wrong Number (3,74 €)

Para moitos foi a culminación de Devolver Digital como distribuidora das xoias independentes. Unha aventura brutal, en todos os sentidos. Adulta na súa máxima expresión.

É un desfile de morte, violencia, sangue e disparos. Todo iso aderezado cunha narrativa sorprendente, envolvida nunha capa pixel-art. É a continuación perfecta a unha historia que comezou na entrega anterior (non poucos a consideran mellor), e que tamén podes comprar por euro e pouco. E destacar tamén a súa música… ai!, a súa música.

Sangue, violencia, balas… Si, é Hotline Miami 2.

Papers Please (4,49 €)

Dos títulos con mellor valoración en Steam ao longo do tempo. É un exemplo perfecto de orixinalidade, arte e materia de estudo dentro da construción de videoxogos. Sobran os motivos.

Non só é o que tenta ser, senón o que é. Ademais de ser unha excelente idea, a súa execución tamén funciona e engancha, non solta ao xogador. É difícil pensar que estou a falar dun videoxogo onde a misión é traballar nun posto fronteirizo e revisar a documentación de todo aquel que vai chegando, pero así é. Gloria a Arstotzka.

This War of Mine (4,74 €)

Unha representación colosal da guerra, que foxe da mostrada polos FPS ambientados nos conflitos bélicos máis famosas da historia. Os creadores de Frostpunk conquistaron á crítica uns anos antes con esta peza de arte que camiña entre a desesperanza e a realidade total.

Trátase dun xogo de supervivencia e estratexia no que todo ten un prezo e, do mesmo xeito que nas guerras de verdade, a vida pende dun fío. A súa mensaxe en contra do belicismo é evidente. Marca. Doe.

Grand Theft Auto: San Andreas (3,49 €)

Un xogo que moveu moitos marcos. Unha auténtica marabilla coa que Rockstar demostrou a súa absoluta xenialidade como creadores e que forma parte da cultura contemporánea. Os anos pasaron por el a nivel gráfico, pero a historia que narra, así como moitos outros aspectos seguen sendo un espello para a xeración actual.

CJ e o seu barrio, San Fierro, Los Santos, Big Smoke, Catalina… Hai tantos nomes propios que gardar no caixón da memoria que é imposíbel non sentir un sentimento de nostalxia abafador ao ler o seu título.

GTA: San Andreas é un xogo para vivir unha vez na vida, como mínimo.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados
Comentarios non permitidos
  1. […] hoxe ao seu fin, este 9 de xullo. Polo si ou polo non, que saibas que en Morcego fixemos unha enorme lista de recomendacións, con máis de 50 títulos comentados e recomendados pola súa relación calidade / […]