Actualidade Rebaixas :: Epic Games Store fai pública unhas das súas mellores promocións

Rebaixas :: Epic Games Store fai pública unhas das súas mellores promocións

Após colapsar servidores co anuncio de Grand Theft Auto V de balde, a Epic Games Store quere seguir sendo protagonista. A descarga sen custo algún do xogo máis vendido de Rockstar vén acompañada dunha promoción que inclúe varias das mellores ofertas que realizou a tenda dos donos de Fortnite desde a súa apertura.

Alén das rebaixas habituais, a EGS ofrece un cupón de desconto de dez euros para gastar en compras de máis de 14,99 euros. O máis importante deste asunto é que cada vez que realices unha compra deste xeito, recibirás outro cupón de 10 euros durante o período que duren as ‘superofertas’, é dicir, até o 11 de xuño. Para obter o teu primeiro desconto desta clase só tes que darlle ao botón de ‘Obter o meu cupón Epic’ que aparece na parte superior da aplicación. É un proceso automático, tamén, cando reclamas o teu primeiro xogo gratuíto.

Algúns dos títulos cos seus descontos inciais.

Tal e como podes ver, varios dos exclusivos da tenda recibiron fortes descontos, do 50 e até do 70 %. Facendo números rápidos, é posíbel obter Control por 19,99 euros, igual que Borderlands 3, ou The Outer Worlds e Red Dead Redemption 2 por 28,99 e 37,99 euros, respectivamente.

Quizais o caso máis rechamante de todos atópese no chegado hai escasas horas á tenda, o  The Witcher 3: Wild Hunt GOTY Edition —versión que inclúe as súas dúas enormes expansións— cun prezo inicial de 14,99. Isto significa que está no límite para aplicar o desconto do cupón de agasallo, o que o deixa en pouco menos de cinco euros. Non é gratis, pero para un xogo destas características poderíamos aplicar o adxectivo sen maiores problemas.

Doutra banda, a EGS confirmou que para a semana volverá ter un xogo misterioso dentro do apartado de títulos gratuítos. Aínda que os rumores apuntaban á obra de CD Projekt RED, sería estraño debido ao enorme desconto que xa posúe. Filtracións de última hora, indican que os vindeiros xogos de custo cero serán: Civilization VI, Borderlands The Handsome Collection e Ark Survival Evolved. Haberá que ver se así é.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.