Actualidade Red Dead Online abandona a súa fase de probas

Red Dead Online abandona a súa fase de probas

Despois de varios meses en fase beta, Rockstar decidiu dar o paso e vén de inaugurar Red Dead Online. Pon fin ao período de probas e publica a versión final do apartado cooperativo de Read Dead Redemption 2. Esta modalidade de xogo chega cunha chea de novidades e promete ser ese universo de vaqueiros e foraxidos no que cometer as nosas peores fechorías; o máis próximo a Westworld que a día de hoxe podemos pagar.

«Un xigantesco agradecemento a todos aqueles que participaron neste período», expón o equipo de Rockstar encargado do desenvolvemento de Red Dead Online na súa páxina oficial. «As vosas opinións foron fundamentais para axudarnos até agora a mellorar o xogo con moitas das vosas suxerencias. Continuaremos engadindo máis das vosas opinións nas futuras actualizacións que están por chegar».

Que novidades inclúe a versión final?

Mentres que Red Dead Redemption 2 foi lanzado o 26 de outubro do pasado ano, o seu modo en liña cooperativo tardou un par de semanas en ver a luz. Desde aquelas, Rockstar foi puíndo á criatura aos poucos, tratando de satisfacer as peticións máis clamorosas dos xogadores, que non foron poucas.

Agora, Red Dead Online preséntase oficialmente con novas misións cooperativas baseadas na historia de Jessica LeClerk. Tamén haberá outros encargos protagonizados por algúns dos personaxes da historia orixinal. A cousa non acaba aí, e é que non só de tiroteos viven os vaqueiros. Agora poderase xogar a o póker en calquera das cinco mesas que se sitúan ao longo do mundo creado por Rockstar.

Implementáronse melloras relacionadas co equilibrio e o dano das armas, así como outros asuntos derivados da economía interna, fundamental no título. A compañía estadounidense promete unha regularidade maior agora que o xogo foi estreado sen o retrouso beta, e promete máis opcións de xogo nun futuro non moi afastado, tales como novos roles especiais.

Deses roles ou caracterizacións pódese destacar o de cazarrecompensas, que nos permitirá a ir tras criminais e darlles caza. Que es máis de explorar o salvaxe oeste ás túas anchas? Entón quizais prefiras ser un cazatesoros. Se o teu é a economía e a xestión dos recursos, sempre podes montar un posto de venda ambulante para sacar algo comerciando cos teus utensilios. Cada rol terá un estilo de xogo único, igual que vestimentas, armas e trofeos. En principio, ningún é excluínte do outro; cada xogador pode probar e especializarse no estilo que máis lle guste.

E en PC para cando? É unha das cuestións que máis asoma pola porta á hora de falar do futuro de Red Dead Redemption 2. Lanzado oficialmente o seu modo multixogador, é previsible que o estudio dono dos GTA mova ficha nos vindeiros meses e ofreza novidades máis pronto que tarde nese sentido. Quizais no E3 deste ano teñan reservados uns minutos para tal anuncio. Rockstar sabe que a comunidade de PC é sempre unha fonte de ingresos inmensa como para obviala, e da súa boca nunca saíu unha negativa á hora de levar o seu último título de vaqueiros a tal plataforma. Hai apenas uns días, este tema volvía estar de actualidade, ao aparecer no perfil profesional dun ex-traballador da compañía a súa participación nunha versión de Red Dead Redemption 2 para PC.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *