Reportaxes Red Dead Redemption 2 cabalga cara o Olimpo

Red Dead Redemption 2 cabalga cara o Olimpo

Sabendo a capacidade de facer xogos de Rockstar Games non é sorpresa o que estes días están publicando os medios especialistas que foron invitados pola compañía estadounidense a ver en funcionamento Red Dead Redemption 2. O veredicto é unánime: podería ser o xogo da década e tamén un dos máis importantes da historia.

Pode parecer esaxerado, e pode que sexa unha canción xa tocada antes, pero é certo que a industria do videoxogo tende a tratar de mellorar as experiencias pasadas, polo que ningunha das afirmacións tería que ser ben unha mentira, ben unha tolemia. A finais de outubro o resto do mundo sairá de dúbidas, pero pode que a prensa, en xeral, fora pillada por sorpresa.

Non é algo negativo. No horizonte hai demasiados títulos por saír que prometen ocupar un espazo privilexiado no Olimpo dos videoxogos: The Last of Us 2, Cyberpunk 2077… Pode que a súa presenza no E3 fixera que por un momento, o resto do mundo esquecera que no 2018 chegaba Red Dead Redemption 2. A realidade é que para os dous exemplos postos, nin sequera existe unha data.

Rockstar Games leva moitos anos sen fallar. Puido xerar dúbidas con GTA IV, pero GTA V demostrou ser un título superior, que aínda hoxe figura como un dos máis vendidos e xogados do mundo. Non é ningún segredo que a quinta parte numérica da saga Grand Theft Auto sexa unha máquina de facer billetes. Tanto é así, que non sorprende ver o potencial que RDR2 pode alcanzar. Teñen medios e cartos para facelo, e están, inclusive, en certa obriga de demostrar o seu poderío fronte a compañías coma a polaca CD Projekt RED, a día de hoxe cunha imaxe pública sobresaínte.

E así, pouco a pouco, van chegando os datos deste título ambientado no salvaxe oeste, e que aspira a ser o xogo máis vivo xamais editado. As declaracións feitas polos afortunados que gozaron da demo de preto de dúas horas rozan a admiración e tamén a perplexidade. Varias das cousas máis comentadas sobre RDR2 poderían ser: a viveza do seu mapa, a inxente posibilidade de decisións e o poderío audiovisual.

Unha fauna por descubrir

Ata duascentas especies animais poderán ser olladas no novo título de Rockstar. Por se cabe algunha dúbida, isto é unha auténtica tolemia. Falamos de mamíferos, anfibios, peixes, réptiles, aves e insectos. Lobos, cans, galiñas, aguias, osos, serpes, raposos…

Cada animal terá un comportamento e unha resposta única e, por suposto, o seu propio ecosistema natural. Así, haberás certos animais que só atopemos nuns espazos concretos do mapa, coma outros que poderán ser máis habituais ao longo do xogo. Todo esta fauna formará parte indispensable deste mundo por percorrer, e saber convivir con ela parece ser clave para o avance.

Por outro lado, moitas especies contarán cun animal de lenda que de ser cazado permitirá fabricar roupas únicas.

Caza e pesca, dous mundos distintos

O mimo extremo que Rockstar quere imprimir a RDR2 fixo que tanto a caza como a pesca convertéranse en algo máis que actividades de entretemento para o xogador dentro do propio título. A compañía estadounidense sinala que serán fundamentais para sobrevivir no mundo, e que con elas obteremos alimentos, materiais e diñeiro.

Poderemos pescar, por exemplo, en ríos ou lagos; e ata poderemos usar distintos cebos para ter máis éxito. Hai que lembrar que o estudio americano pode chegar a facer dun minixogo auténticas experiencias, coma o tenis do GTA V, case a altura (ou mellor) que moitos dos títulos de simulación deste deporte sacados anteriormente. Ollo con iso.

A caza de mamíferos tamén terá o seu ritual. Requirirá esforzo por parte do xogador, e tomará prestadas xa nocións que afinou no anterior título do estudio, coma a dirección do vento á hora de alertar a unha posible presa. Onde atinemos co disparo tamén será importante, xa que segundo demos nunha zona do corpo ou noutra poderase aproveitar máis ou menos carne. O mesmo pasa coa pel. De novo, o detalle marca da casa será comprobar como ao cargar cun cervo o seu sangue manchará as nosas roupas. Ou non, dependendo isto de se o animal xa sangrou ou non.

A obsesión polo realismo non acaba aí. Tardar moito en desollar a un animal fará que este podreza e aparezan animais atraídos polo seu cheiro. Cabe subliñar, en relación co asunto de cargar obxectos, que haberá un límite. Adeus ás armas infinitas, peles, municións… Agora o que levemos terá que verse, aparecer en pantalla.

Para que un coche se temos cabalos?

O certo é que os equinos do novo xogo deron xa que falar no pasado cando unha usuaria de Twitter comentara que os testículos dos cabalos posuían animacións propias. Agora, confirmouse o asunto, e vese como aumentan ou reducen o seu tamaño segundo a temperatura ambiente. Un detalle que denota a enfermiza obsesión que Rockstar puxo en RDR2.

Deixando de lado o seu escroto, os creadores do xogo confirmaron que o título contará con 19 razas distintas de cabalos, dende Appaloosas e Árabes, a Shires e Mustangs. Cada un contará coas súas propias características e diferenciacións.

A importancia do cabalo fai que o xogador teña que tecer unha relación de íntima amizade con el. Poderemos atopalos pola natureza adiante e domalos, aínda que tamén se poderán adquirir nas granxas ou criadeiros dos pobos. Tamén algún que outro en lugares “segredos” segundo sinalou o estudio. Un bo vínculo co animal fará que este non se asuste dos disparos asi coma tampouco da presenza de inimigos, mentres que unha boa alimentación aumentará a súa resistencia e manexo.

Por suposto, a súa función como contedor de equipamento será vital. As armas extra que levemos deberemos gardalas e colgalas ao seu lombo. As opcións de cambiar certos aspectos do animal tamén serán moi altas: estribos, monturas…

Cada xogador coa súa historia

Outro dos factores máis brillantes de RDR2 parece que será a colosal cantidade de decisións que o usuario de PS4 ou Xbox One poderá tomar ao longo da aventura. Non será unha mera cuestión de si ou non, senón que xeralmente teremos ata catro posibilidades no momento de afrontar un evento. Por exemplo: atopamos un tipo zoupando noutro no medio dun camiño, ao pasar preto este achégase e pregunta se temos algún problema. O xogador decidirá se desenfunda xa a arma, se segue o seu camiño, ou se quere tratar de intervir no asunto sen usar a forza.

Estas decisións terán diversas consecuencias no futuro. Así, poderemos ser un foraxido ben visto entre a poboación ou ser un bala perdida que infunde temor aló por onde pasa.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 25 de September de 2018

    Gran artigo!

    Ben é certo que se dixeses a metade de todo esto dun xogo doutro estudio, poderíamos chamarte fantasma, pero vindo de Rockstar, e da calidade e complexidade dos xogos que ven sacando dende fai moitos anos, espero de RDR2 un gran xogo. É unha mágoa que ainda non estexa confirmado para PC, démoslles un tempo….

    Volvendo ó tema, hai moitos xogos na actualidade que marcan as revistas especializadas como complexos e profundos que teñen unha linea incluso menor que a do GTA: San Andreas, que queramos ou non, xa peina canas (2004).

    Rockstar leva moito tempo facendo as cousas moi ben, incluso o GTA IV foi un gran xogo, non tan memorable, pero viña dun listón demasiado alto.

    De regalo, a primeira frase que escoitabas no GTA 2, e que ben podería aparece no artigo aquel sobre sonidos memorables: “And remember, respect is everything” https://www.youtube.com/watch?v=LzqDJCfyrvs

      • Carlos Pereiro
      • En: 25 de September de 2018

      GTA IV acusou ser tentar algunhas cousas e… non funcionarlle. A min moloume eh, pero recoñezo que palidece fronte a outros.

      Rockstar é Rockstar. Persoalmente, é das poucas compañías polas que poño unha man no lume. E son contadas. Por iso se me din: “comprarías o RDR2 a cegas? Si.

      O do PC… Tendo online, vendo como funciona GTA V… Ou moito me trabuco, ou non entendería que quixeran perder un público potencial tan grande. Pode tardar anos eh, dous, dous e medio, pero parecíame pouco hábil pola súa parte non sacalo en PC. Só pola pela que lles daría o día un, compensan xa o port / versión.

        • Pastel de carne
        • En: 26 de September de 2018

        Non sei can real pode ser o dato de SteamDB, pero pone que se venderon unhas 7M de copias EN STEAM, que neste caso a copia física non era compatible con Steam, polo que a cantidad podería aumentar notablemente. Se o precio non baixou en ningún momento de 30€, falamos de, polo menos 300M de € en vendas… Eu creo que iso compensa (sen entrar a falar da moneda virtual, hai moita xente rica no mundo).

        Graciñas por responder ó comentario!