Redfall fixa a súa data de lanzamento para este maio
Microsoft amosou a pasada noite novo material audiovisual de Redfall. O futuro shooter-looter de Arkane —creadores de Dishonored, Prey ou Deathloop— ten como base argumental ‘a limpeza’ dunha illa de Massachusetts ateigada de vampiros.
Catro personaxes, habilidades únicas para cada un, árbores de evolución, cooperativo pero tamén single player… O certo é que Redfall non propón nada novo, pero desde logo si semella divertido.
No novo vídeo presentado no show de Xbox, Arkane quixo facer fincapé na posibilidade de resolver unha mesma situación de diversos xeitos, apostando polo sixilo, pola acción ou por outras variantes combinadas; algo no que este estudio sempre se move ben.
O mellor? Que hai data. Se nada o impide, o novo título da compañía francesa chegará o 2 de maio para Xbox e PC. Dispoñíbel de lanzamento no Game Pass, por certo.