Resident Evil 3 amosa as rúas de Racoon City nun novo gameplay
Menos dun mes teremos que agardar para percorrermos as rúas de Racoon City xunto con Jill Valentine. É por iso que Capcom comezou a campaña de promoción de Resident Evil 3, ofrecendo novo contido sobre este remake do clásico de 1999. É o momento dun novo gameplay de 20 minutos de duración, no que podemos ver algunhas novidades interesantes.
Entre elas destaca que o coitelo xa non se desgasta polo seu ueso, ademais, poderemos esquivar os zombis e apartalos rapidamente cando nos atrapen grazas a un quick time event. A través do motor gráfico RE Engine, é posíbel apreciar durante a partida a calidade gráfica do título en detalles como o exterior das tendas ou os carteis de neon. Tamén se revelaron outros aspectos, como que existirán varios atallos polos que poder desprazarnos entre diferentes zonas da cidade.
Resident Evil 3 chegará a PS4, Xbox One e PC o vindeiro 3 de abril, aínda que antes do lanzamento contaremos cunha demo para nos facer unha idea do que nos espera durante os nosos encontros contra Némesis.