Actualidade Resident Evil 3 :: Novo vídeo, demo en camiño e moito máis

Resident Evil 3 :: Novo vídeo, demo en camiño e moito máis

Igual que un grupo de zombis, unha inxente cantidade de información sobre Resident Evil 3 Remake abalanzouse sobre nós hoxe mesmo. O título que pretende rememorar as aventuras de Jill Valentine por Racoon City vén de ofrecer un novo gameplay de 13 minutos. Doutra banda, tamén puidemos coñecer unha gran cantidade de información sobre o xogo.

Entre as principais novidades cabe destacar que nos atoparemos con novas áreas como tendas, unha estación de metro ou unha sección das cloacas con forma de labirinto. No gameplay puidemos ver que Jill será capaz de realizar a súa famosa manobra evasiva e que mesmo estará mellorada, xa que se a realizamos no momento preciso, o tempo retardarase para que podamos executar un disparo máis preciso.

Ben é certo que a maior ameaza nesta ocasión será o temíbel Némesis, que loce espectacular no vídeo. Capcom sinalou que a mellor opción cando nos atopemos con el será correr, pero se decidimos enfrontar ao monstro recibiremos recompensas como municións melloradas ou melloras para as armas. Porén, se os desafíos non son o noso sempre poderemos optar polo Modo Asistencia, o cal proporcionará rexeneración continua da saúde, inimigos máis débiles, máis munición e un rifle de asalto de gran potencia.

Por último, a conta de Twitter do xogo anunciou que tal e como sucedeu co seu predecesor, Resident Evil 3 Remake contará cunha demo coa que poderemos ir quentando e obter unha boa idea do que nos agarda no noso percorrido polas rúas de Racoon City. Esta demo aínda non conta cunha data de lanzamento, namentres o xogo está confirmado que sairá o 3 de abril para PS4, Xbox One e PC.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.