Resident Evil Village convértese no mellor lanzamento para PC da saga
O último Resident Evil, coñecido co título Village, xa é a mellor estrea para PC de toda a saga. A través da información achegada por SteamDB, é posible ver como nas súas primeiras 24 horas o xogo de Capcom chegou a ter un pico de 101.726 xogadores simultáneos. Trátase dunha cifra moi superior ás anteriores entregas publicadas, as revisións de Resident Evil 2 e Resident Evil 3 (74.277 e 60.293 xogadores, respectivamente).
Amais das cifras que deixa en Steam, teríamos de engadir as logradas en Twitch durante toda a fin de semana, plataforma na que contou con máis de 200.000 espectadores. As cifras de vendas en consolas aínda son descoñecidas, pero é innegable o bo estado de forma co que a franquía recibe e celebra o seu vixésimo quinto aniversario.
Este luns, 10 de maio, tan só uns días despois da súa estrea, Village xa ten máis de 11 mil recensións positivas en Steam.