Respawn buscará un maior equilibrio durante a Tempada 1 de Apex Legends

Respawn Entertainment continúa tratando de equilibrar e mellorar Apex Legends. A idea é ter a súa battle royale totalmente a punto ante a inminente chegada do seu Pase de Batalla / Tempada que, segundo os rumores, podería chegar o vindeiro martes 12 de marzo. Este novo parche introducirá medidas de abalo, é dicir que retocará o poder dalgunhas armas e personaxes co fin de equilibrar aínda máis as partidas. Os cambios chegarán co comezo da Tempada 1.
Nerfeo á Wingman e á Peacekeeper
Populares e poderosas a partes iguais, a pistola Wingman e a escopeta Peeacekeeper foron modificadas para que aparezan cunha frecuencia menor ao longo do escenario. Ademais, tamén cambiarán algunhas das súas características. No caso da Wingman, o uso dunha mira será aínda máis recomendable, xa que se foi aumentada a dispersión das balas ao disparar desde a cadeira. Tamén se reduciu a súa cadencia de tiro. A escopeta non sofre unha modificación en si mesma, senón que se altera o accesorio que permite un disparo máis rápido entre tiro e tiro.
Outro cambio que chegará a Apex Legends no referido ás armas é que as do tipo de enerxía, así como a súa munición, serán máis comúns de atopar no chan. O Havoc, un rifle deste tipo, foi o último obxecto introducido no título de Respawn.

Un dos accesorios da Peacekeeper será retocado no próximo parche.
Quieto aí, lenda!
Sendo un hero shooter onde cada personaxe posúe habilidades únicas, estas tamén han de ser equilibradas na procura de partidas máis igualadas e de frear a aparición de lendas rotas ou demasiado fortes.
Dentro das lendas melloradas, atopámonos a Caustic, que terá máis poder nas trampas, podendo activalas máis rápido e potenciando o dano que provocan nos inimigos. Pathfinder verá como a súa pasiva é incrementada, xa que agora poderá acceder a un total de 12 radares en lugar de 10 para localizar as próximas zonas seguras do xogo.
No lado oposto, está Lifeline coa que xa non poderemos obter cascos e armaduras de nivel 4 nos seus paquetes de subministracións. Wraith verá aumentando de 20 a 25 segundos o tempo de recuperación da súa Q, mentres que Bangalore notará un empeoramento da súa pasiva, que pasará de darnos unha velocidade extra dun 40 % a un 30 % cando somos tiroteados.
Respawn tamén tivo en conta a opinión dos usuarios, analizando unha das problemáticas máis notables do xogo: o tamaño dalgunhas lendas e a súa posibilidade de recibir disparos máis facilmente. Coa Tempada 1 reduciranse, axustaranse e melloraranse as caixas de dano de Caustic, Pathfinder e Gibraltar, os personaxes máis voluminosos do battle royale.

Wraith requerirá máis tempo para recargar a súa habilidade de moverse entre dimensións. Fonte: Gamewatcher.