Zona retro RetroVigo, un puñetazo directo á nostalxia

RetroVigo, un puñetazo directo á nostalxia

Chegou o momento. A cidade de Vigo voltará ter unha cita con RetroVigo tras o éxito de público do ano pasado. A segunda edición chega con novidades pero tamén mantén o mellor da súa esencia orixinal. Un percorrido por algunhas das máquinas que cambiaron a varias xeracións, e que hoxe ata poden resultar estrañas para os profanos ás mesmas. Nada diso, “daqueles xogos, estes vicios”.

Organizado pola asociación cultural RetroGalaicos, o evento bebe desa nostalxia tecnolóxica e aposta por manter as súas sinais de identidade para tamén ampliar certos puntos. A cita terá lugar entre os días 22 e 23 de setembro na escola de deseño Aula D (Rúa Elduayen, número 35).

Momento do Faneka Gaming 2018, no que participou a asociación RetroGalaicos

A idea de medrar e establecerse coma unha cita obrigada está máis que clara. Ao programa do ano pasado, que incluía unha zona de xogo libre e outra de exposición de consolas antigas e microordenadores, únense este ano unha serie de charlas e coloquios, ademais da organización de torneos especiais.

Así, neste 2018, a segunda edición de RetroVigo levarase a cabo baixo un paraugas temático que deixe pegada en tódalas actividades previstas. O xénero dos beat’em up, será o máximo protagonista destas xornadas. Tocará volver a quentar as mans e repartir aos malos avanzando lateralmente na pantalla.

Ata dúas charlas abordarán esta tipoloxía de xogos. A primeira ponencia, baixo o título Beat’em Up: Eu contra o barrio. Orixes e títulos destacados, sairá da voz de Jacobo e Galo Martínez, fundadores de Museo barité. Será durante a primeira xornada, ás 12 horas. A segunda, levará o título de Beat’em Down: O puño das compañías na cara do xogador. O bochorno dalgúns xogos, impartida por Andrés de Pedro, presidente de Retro Galaicos. Tamén o 22 de setembro, ás 13 horas.

¿Cal é o torneo especial? Os máis hábiles cos mandos poderán demostrar o seu talento competitivo co clásico Street of Rage 2. O gañador será, como non podía ser doutra maneira, o que acade a puntuación máis alta ao longo do evento.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.