Actualidade Revelados novos detalles do Samurai Shodown

Revelados novos detalles do Samurai Shodown

Hai poucos días desvelábase a Samurai Shodown NeoGeo Collection (Ps4/Xbox One/Switch/PC, incluíndo dende SS1 até SSV Special) e na madrugada do venres, SNK fixo unha presentación de novidades do esperado Samurai Shodown. Neste directo reveláronse os supostos tres últimos personaxes, que foron presentados pola súa propia deseñadora.

En primeiro lugar temos a Darli Dagger, unha carpinteira que usa unha xigantesca serra como arma e parece ser capaz de intercambiala por outras ferramentas como un martelo. Logo está Wu-Ruixiang, unha especie de feiticeira que emprega unha especie de escudo con forma de compás de Feng Shui e semella ser capaz de invocar un dragón. Por último temos a Yashamaru Kurama, un misterioso inimigo do sanguento descendente dos Tengu (criaturas mitolóxicas con trazos de paxaro, neste caso o personaxe parece relacionado cos corvos) e porta unha nagamaki (unha variante a dúas mans da katana).

Yashamaru, durante a súa transformación semella achegarse máis ao seu título de Tengu Corvo.

Polos poucos detalles que puidemos observar, estes personaxes aínda gardan algúns segredos nos que Darli Dagger poderá ter moito xogo coas súas distintas ferramentas, Wu-Ruixiang mostra unha especia de contraataques e no adianto observamos o que parece ser unha transformación de Yashamaru, onde se presenta cos ollos e pelo escurecido. De momento descoñecese os detalles que xustifiquen esta nova forma, pode ser simplemente unha parte dalgún movemento especial ou ser unha mecánica de install (transformación que cambia as propiedades do loitador durante a partida).

Outros personaxes que non formaban parte da versión de demostración exhibiron algúns dos seus movementos como o versátil Yoshitora e sanguinolenta Shiki. Pero aínda que estamos ante o cadro completo de personaxes, mesmo queda por saber a identidade do Boss do modo arcade e se este será xogable dalgunha forma. Pódese ver a silueta deste na parte superior central da stage de Charlotte.

Na stage de Charlotte pódese ver unha figura descoñecida flotando no centro.

En materia de DLC anunciaron unha primeira quenda de catro personaxes a sacar despois do lanzamento e un par de skins retro (presuntamente inspiradas no Samurai Shodown 64, da Neo Geo 64) de Haomaru e Nakoruru. Tamén se amosaron ás edicións coleccionistas co libro de arte, unha ilustración e o que parece ser unha carcasa do xogo ao estilo da Neo Geo.

A pata dun dragón chino aparece cando Wu-Riuxiang é atacada nunha posición de contraataque.

Mais aló do propio xogo, SNK puxo sobre a mesa a súa intención de apoiar a escena competitiva co SNK eSports Support Program, destinado tanto para xogadores de elite como para colaborar con eventos, e o SNK World Championship. Tanto o campionato, que comezará en agosto, como o programa de asistencia a eventos e xogadores están pensados para incluír tanto o King Of Fighters XIV como o Samurai Shodown.

Para rematar, a mostra contou coa colaboración de Chocoblanka e Momochi, xogadores profesionais xa veteranos na escena competitiva dos xogos de loita. Nestes combates de exhibición presentaron un pouco do que podemos agardar da EVO durante o mes de agosto.

A data de estrea para Ps4 e Xbox One é o 27 de xuño,  para posteriormente chegar a PC (Steam), Switch e unha versión para as arcades xaponesas (empregando o NesicaxLive2). O título promete ser un dos xogos máis accesibles e excitantes para o novo público dos xogos de loita ao non centrarse en largos combos, aínda que a execución de determinados movementos pódeselle atascar a un usuario que non estea acostumado a este xénero. Agardamos con ansias a chegada do xogo. De seguro, as poucas incógnitas que permanecen agochadas iranse desvelando nestes próximos meses.