Reportaxes Revisións :: Tres (ou seis) xogos que deberían ter a súa

Revisións :: Tres (ou seis) xogos que deberían ter a súa

Nestes últimos anos teñen saído varias revisións de xogos que, por mor do paso do tempo, foran quedado obsoletos, ben a nivel xogable, a nivel gráfico ou ambas as dúas opcións. Algúns casos só son actualizacións gráficas que respectan o sistema de control pero que incorporan novos gráficos, texturas e resolucións como no caso das edicións HD de Resident Evil ou as de fai xa uns cantos anos cos Prince of Persia clásicos Pola contra, outros son feitos practicamente por completo respectando a idea orixinal pero adaptándoa ás novas plataformas como, por exemplo, Shadow of the Colossus, Resident Evil 2 Remake ou Spyro Reignited Trilogy

Esta avalancha de xogos refeitos responde, na miña opinión, á nostalxia de parte da comunidade, pero penso que tamén pode ser unha forma de conservación do videoxogo, artefactos culturais que viven nun ecosistema que non deixa de cambiar e evolucionar. Esta é unha situación que acaba facendo que moitas pezas queden desfasadas co paso do tempo, botando a perder a experiencia de xogo que, ao final, é o fundamental no medio. Non sempre é así, e hai videoxogos que non sofren polo paso do tempo —Half Life, Doom, por exemplo— pero outros, aínda que sexan moi bos, acaban por se resentir. A continuación imos repasar algúns títulos que, por diferentes motivos, deberían contar cun remake. Algún pode precisar unha revisión completa, namentres outros so necesitan unha pequena actualización gráfica e unha adaptación do sistema de control e das súas mecánicas.

Blade: The Edge of Darkness

Cada un dos personaxes ten un set de movementos e un estilo de combate determinado.

O estudio español Rebel Act foi o responsable de Blade: The Edge of Darkness. Presentado en 1996, despois dun desenvolvemento algo revolto o xogo chegou ás tendas, para PC, no ano 2001 e Rebel Act quebrou xusto cando se estaba traballando nun port para Xbox. Distribuído fóra de España como Severance: Blade of Darkness, trátase dun xogo de acción e aventura de corte fantástico no que podes elixir entre catro personaxes: Bárbaro, Guerreiro, Enano e Amazona, cada un deles coas armas e sistema de loita de seu. A nivel gráfico foi un deses xogos que esixían un ordenador moi potente para funcionar. Algo totalmente xustificado polo ben que se vía no seu momento e o que se conseguiu facer cun motor gráfico propio: simulación de fluídos e físicas en tempo real para a sangue, un sistema de partículas para o fume, lume, néboa ou mesmo os feitizos; e un sistema de esqueleto que permitía desmembrar os inimigos ou que desmembraran ao teu personaxe. Estamos falando de algo que hoxe en día é moi común pero que foi feito case por primeira vez hai 18 anos.

Pero non só era un bo xogo a nivel gráfico. A nivel xogable incorporaba un sistema de combate moi característico e que non e tiña visto moito naquel momento e que ao mellor vos sona de algo: golpea, bloquea, esquiva. Repite unha e outra vez da cantidade de veces que vas morrer. Quizais sexa moi atrevido dicir que Blade sexa o precursor dos Dark Souls, probablemente non o sexa, pero si que é certo que teñen características e mecánicas moi similares. Un combate descarnado no que o inimigo máis apoucado pode acabar contigo, un mundo escuro, toques de RPG e unha dificultade bastante elevada. Blade presentaba un sistema de combate no que limitarse a machacar as teclas, so conduce á morte e a ter que repetir unha e outra vez a mesma zona. É un xogo que invita a aprender ben como funciona o teu personaxe, cada un deles cun sistema de loita e que, a diferencia dos Souls, basease en combos e movementos específicos de cada personaxe, non en sets de movementos propios de cada arma.

Trátase dun xogo moi completo que co paso do tempo converteuse nunha obra de culto aínda que no seu lanzamento non tivo un recibimento especialmente bo por parte do público. Por unha banda, pola súa dificultade e por outra porque, a pesar de ser unha marabilla a nivel gráfico, era un xogo moi esixente para os ordenadores do momento. A isto hai que sumarlle que Blade saíu cunha pequena gran cantidade de bugs bastante molestos e un sistema de control moi complexo que, malia estar ben implementado para a súa época, hoxe en día resulta desfasado e torpe. Facendo unha pequena revisión —é bastante complicado conseguir que funcione correctamente nun ordenador actual— visualmente aguanta bastante ben pero, aínda así, sería boa idea traer o xogo a uns gráficos e apartado visual máis moderno, amais de actualizar o seu sistema de control para que se adaptar aos tempos que corren. O único problema que lle vexo é que dada a influencia actual dos Souls, unha revisión de Blade nos leve a un remake que os teña demasiado en conta.

Legacy of Kain: Soul Reaver

Tamén en 1996, por primeira vez en Playstation e PC, apareceu Legacy of Kain: Blood Omen, a primeira das entregas que nos leva as terras de Nosgoth. Unha aventura na que controlabamos ao vampiro Kain. Non foi até 1999 cando chegou Legacy of Kain: Soul Reaver, a segunda entrega dunha saga —a mellor— que trouxo as nosas consolas unha aventura de acción e exploración cunha temática tétrica e unha atmosfera escura, redondeada por unha trama bastante boa, aínda que cuns diálogos e monólogos un chisco grandilocuentes —nada sorprendente cando estamos falando de vampiros— Nesta segunda entrega pasamos a controlar a Raziel que, tras centos de anos de letargo, esperta con ganas de vinganza e novas habilidades. Guiados por unha voz, daremos os nosos primeiros pasos nesta aventura nun titorial que, a día de hoxe, sobra ou debería estar implementado doutra forma.

O apartado visual non bota para atrás, pero non lle viría mal unha actualización

A nivel xogable, trátase dunha aventura en terceira persoa con mestura de acción, quebracabezas, plataformas e exploración. Para resolver as diferentes áreas do xogo temos que ir cambiando entre o plano material e espiritual, o que lle da un pequeno toque de profundidade e variedade de situacións. Conta cun sistema de combate baseado nun listado de movementos e poderes que se van desbloqueando a medida que avanzas na aventura. Tamén ten un certo compoñente metroidvania, xa que unha vez que desbloqueas certas habilidades podes volver a escenarios nos que xa tiñas estado e acceder a zonas que non podías visitar. Unha mesturanza de elementos que funciona moi ben e que fai del un hack and slash moi competente e interesante. Destacan neste xogo os combates contra os xefes, xa que para derrotar a cada un deles requírese un set de movementos específicos que tes que executar para poder matalos, non vale batelos de forma aleatoria e premer botóns ao chou.

No apartado visual, estaba entre o mellor da súa época. Trátase dun xogo chamativo e ben deseñado que, hoxe en día, segue mantendo un apartado gráfico bastante agradábel. Porén, a combinación de cámaras fixas e mais o control do personaxe rematan sendo algo torpes, ao menos na versión para PC; isto, reflíctese na execución dos movementos no combate. Por que precisa un remake? Por pura nostalxia e tamén por contar cunha revisión actualizada dun xogo que supuxo un pequeno impulso para os grandes hack and slash que viñeron despois. Porque si, a saga Soul Reaver chegou antes que os DMC, Darksiders ou Bayonetta —por citar algúns exemplos populares— que acabaron por popularizar o xénero. Hai certa crítica en contra da súa relevancia porque os combos e os movementos semellan pouco variados, pero, ao final, non deixa de ser unha obra merecedora de ser retomada xa sexa cunha continuación ou cun remake.

Silent Hill 1, 2, 3 e 4

Benvidos a Silent Hill, unha vila fantasma agochada en medio da néboa que ten moitos segredos por descubrir. E moito medo que pasar. Pouco se pode engadir sobre a saga Silent Hill que non se teña dito xa. É unha obra mestra do survivalhorror e sería unha magoa que se perdese. Un xogo de terror moi ben feito, que sabe manter a tensión e que, sobre todo, xoga cunha das cousas que máis medo nos da: os camiños da tolemia. É un survival que, polo xeral, creou os seus personaxes con agarimo; tamén as súas historias e os seus traumas. A partir deles, constrúe un universo escuro que se ve reflectido na súa xogabilidade e no seu apartado artístico.

O desenvolvemento de Silent Hill foi unha variante de survival horror clásicos como Resident Evil ou Alone in the Dark. A primeira entrega, de feito, é unha resposta bastante clara de Konami a Capcom, pero partindo de bases totalmente diferentes xa que Silent Hill opta máis por desacougar que por asustar aos xogadores. Esta característica foi algo que, nun principio, non calou pero que a dia de hoxe converteu á saga nunha obra de culto. Amais, o control do personaxe pasa a terceira persoa, cun sistema de cámaras fixas que está moi ben empregado á hora de mellorar a experiencia, fortalecer a ambientación do xogo e crear un aumento da tensión nos momentos cruciais da historia. Os quebracabezas son algo máis complexos cos doutros títulos e estaban moi ben integrados nos escenarios que, asemade, estaban moi ben escollidos de cara a fortalecer aínda máis a ambientación. Isto só falando do primeiro título da saga, porque evolucionou e mellorou algúns aspectos nos títulos posteriores. Tamén empeorou noutros, pero todas as entregas manteñen a esencia.

Probablemente o mellor xogo de Silent Hill sexa o 2, ou iso é o que din. Silent Hill 2 é un xogo moi sólido a nivel argumental e de desenvolvemento de personaxes. A ambientación, como en todos os xogos da saga, e marabillosa e está moi lograda. Porén, persoalmente, gústame máis o 3, quizais porque foi a miña porta de entrada a Silent Hill. Ou, quizais, porque é mellor xogo que o 2. Déixoo a vosa elección. Da cuarta entrega so vou dicir que o mellor que ten é o concepto do cuarto pechado. Arrancar un xogo de terror así, paréceme unha das mellores ideas que hai, xerando tensión dende o primeiro minuto. A nivel xogable, hai variacións entre as diferentes entregas, pero en esencia, a día de hoxe non se fai demasiado estraño ningún deles. Graficamente, a primeira entrega non soporta moi ben unha revisión actual, cousa que si fan as seguintes. O que si teñen en común todos os capítulos, é un sistema de control bastante torpe para os estándares actuais e algunhas animacións que se terían feito mellor agora mesmo. De faceren un remake, non deberían tocar os puntos de cámara pero si sería unha boa idea facer as animacións máis fluídas e un control máis fino.

Os Silent hill 2 e 3 son os que mellor apartado visual conservan.

Trátase dunha saga da que se leva anos pedindo a súa volta, aínda que sexa en forma de remake. Hai un lustro, estivo a piques de volver da man de Kojima cunha nova entrega, pero ao final deixáronnos a todos coa mel nos beizos. No momento de escribir estas liñas, non parece probable nin que vaia ter unha continuación, nin que vaia ter un remake en condicións. Menos aínda, despois da HD Collection que sacaron hai uns anos e que pervertía a esencia visual e artística dos xogos orixinais —2 e 3—. Texturas HD pero sen ter en conta toda a intencionalidade que había detrás da arte que envolvía ao xogo e que xogaba un papel fundamental na construción da súa atmosfera. Polo mal trato que teñen recibido por parte de Konami, a franquía ben merece ter unha nova vida, esta vez con algo máis de agarimo, ou tamén coa idea de darlle unha continuación ao seu universo, digna do seu legado.

Unha vida máis

Estes son os tres (seis) xogos que penso que debería contar cunha segunda vida en forma de remake. Quizais tiro un pouco de nostalxia e de xogos que me tocaron persoalmente e grazas aos cales fun entrando nesto dos videoxogos. Foi difícil decidirme por estes en concreto, por iso, quero pechar este artigo citando algúns títulos máis que penso, de xeito sincero, que deberían contar cunha continuación ou ter, polo menos, a oportunidade de ser descubertos polas novas xeracións. Brevemente cada un deles, porque non temos espazo para máis.

  • ICO: É fundamental traelo de volta. Ou que Fumito Ueda traballe con máis premura nos seus xogos.
  • Max Payne: Hai uns anos que saiu o 3, pero recordo con especial agarimo a primeira entrega. E coa cara de Sam Lake de novo
  • Goldeneye: Probablemente, un dos mellores títulos de N64.
  • Simpsons Hit and Run: O mellor xogo baseado na familia marela.
  • Star Wars: O Jedi Knight (mais ou menos penso que o temos con Fallen Order), Episode I Racer e Shadows of the Empire.
Esteban Canle

Colaborador de Morcego. Gústame falar, ler e escribir sobre videoxogos.