Actualidade Riot aposta por levar Valorant a sistemas móbiles logo do seu éxito en PC

Riot aposta por levar Valorant a sistemas móbiles logo do seu éxito en PC

Xa é oficial: Riot Games lanzará Valorant Mobile. Trátase dunha versión para dispositivos móbiles do seu shooter competitivo, que foi recoñecido como un éxito en PC, onde conta cunha base de máis de catorce millóns de xogadores.

Publicado hai agora un ano, o 2 de xuño de 2020, Valorant converteuse nunha peza máis que valiosa para Riot, que quere seguir traballando na expansión da marca, dun xeito similar a como fixo con League of Legends. A compañía con só un xogo xa ten máis dun xogo.

«Un dos nosos principais obxectivos para este primeiro ano era gañar a confianza e o respecto da comunidade global de xogadores de FPS, demostrarlles que Valorant sempre manterá os fundamentos dun auténtico shooter táctico competitivo», explica a produtora executiva Anna Donlon. «Ver que a nosa crecente comunidade de xogadores recoñece e aprecia o que estamos a tentar facer con Valorant vai máis aló do que poderiamos agardar e estamos emocionados por ofrecer a mesma experiencia competitiva de Valorant a máis xogadores de todo o mundo».

Non ten data de lanzamento, tampouco adianto audiovisual ningún, mais si sabemos que se poderá xogar tanto en iOS como en Android.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.