Riot di estar traballando nun xogo de loita cos fundadores do EVO
Non pasaron nin 24 horas desde o inicio do EVO e xa nos enchen de sorpresas e anuncios que quizá non son realmente novos, pero sen dúbida aparecen nun momento inesperado.
Como ben confirma Tom Cannon «o segreto peor gardado» foi revelado. O certo é que moitos coñecedores da escena dos xogos de loita dubidaban de se realmente o proxecto ía chegar a bo porto ou se Riot abandonaría este asunto para centrarse noutras obras como o recentemente estreado Team Fight Tactics. Pero para os que non coñezan a historia detrás deste proxecto, e tamén para os que si, fagamos un resumo.
Para empezar, debemos coñecer aos que realmente están a crear o xogo e eses son o equipo que anteriormente formaba Radiant Games, quen desenvolveu Rising Thunder até a súa fase alfa técnica en 2015. Se queredes probar este xigo tendes unha ligazón á versión de código libre subida a Reddit polos seus creadores (Nota: o desenvolvemento rematou nesta fase).
Calquera pensaría que este título independente sería un intento de achegar aos xogadores novatos e machacabotóns aos xogos de loita e que estaría a ser realizado por un equipo calquera, pero nada máis lonxe da verdade. Na cabeza de Radiant están os irmáns Tom e Tony Cannon, os fundadores de EVO. Tony é creador do GGPO —un dos máis destacables programas para evitar o lag nos xogos de loita— e tamén fundaron o web Shoryuken. com, centrada en xogos de loita. Aínda por riba, tamén inclúen no seu equipo a Seth Killian, un dos cofundadores do EVO e a amentada web, ademaiss de community manager de Capcom durante a epoca de Street Fighter IV.
O ocorrido após a cancelación Rising Thunder foi o anuncio da compra de Radiant por parte de Riot en 2016 para logo mudar todo nun enorme silencio. Un mutis que se sentía no aire cada EVO no que non viamos a estas recoñecidas figuras nunha cita na que eles mesmos puxeron a primeira pedra.
E agora que? Que podemos esperar dun xogo de loita de Riot? O certo é que outrora crese que o sistema de cooldowns do Rising Thunder sería suficiente, pero ao longo dos anos, e vista unha adaptación deste sistema no Grand Blue Fantasy Versus, xa non sei que agardar.
Sen dúbida sería xenial que lograsen espertar o interese do público que aínda non sabe que adora os xogos de loita e que fagan un sistema de combate inesperado, que non se pareza a nada do que xa coñecemose, pero, asemade, que siga tendo a alma dun xogo de loita.