Riot Games leva os seus xogos até a Epic Games Store

Epic Games fixo público que poderemos gozar das súas obras na Epic Games Store. Así é, a partir deste momento League of Legends, o lendario MOBA, estará tamén dispoñíbel na Epic Games Store.
Ollo! Isto non significa que non teñas que instalar o cliente de Riot, mais si engadirá algo de comodidade e, sobre todo, visibilidade ás obras da compañía estadounidense nun novo espazo. Sexa como for, tamén poderemos acceder a Valorant, Teamfight Tactics e Legends of Runeterra.
A colaboración non remata aí. Fortnite recibirá un cosmético inspirado en Jinx, unha das personaxes máis coñecidas do universo de League of Legends, e que pronto poderemos vela protagonizar a súa propia serie de animación, Arcane.
Semella que Riot non quere parar. Hai uns días anunciaba que o universo Runeterra —League of Legends, League of Legends: Wild Rift, Legends of Runeterra, Teamfight Tactics e Fight for the Golden Spatula, exclusivo da China— movía a friorenta cifra de 180 millóns de xogadores activos cada mes. Aí é nada.