Actualidade Riot Games traza un ambicioso plan de futuro con títulos de seu

Riot Games traza un ambicioso plan de futuro con títulos de seu

O éxito brutal e místico de League of Legends permitiu a Riot Games vivir sen a necesidade real de ter de apostar pola creación doutras obras orixinais. Fóra de TeamFight Tacticts (TFT), a compañía estadounidense deuno todo polo rei dos MOBAs. Un xogo que é parte indispensábel da historia dos videoxogos, e que aínda ve no horizonte un futuro estábel como deporte electrónico. LoL está vivo e as súas audiencias non fallan. Non era preciso crear máis xogos ou non había intención; até o de agora.

Na celebración do décimo aniversario de League of Legends, Riot vestiuse de festa e anunciou non un, senón cinco videoxogos que irán vendo a luz ao longo dos próximos anos. Tamén unha serie de animación que, do mesmo xeito que a maioría dos futuros títulos, gardará relación directa co mundo de Runeterra, é dicir, irán da man do lore do MOBA orixinal, a semente do xigantesco éxito da compañía.

League of Legends: Wild Rift

Defínese por ser unha adaptación do MOBA de toda a vida para consolas e dispositivos móbiles. Ora ben, o seu desenvolvemento partiu de cero e ten por obxectivo respectar a experiencia do LoL orixinal, adaptando controis para mandos e pantallas táctiles. Enfrontará a equipos de 5 vs 5 e estímase que as súas partidas terán unha duración de entre 15 e 18 minutos. O xogo non sairá até 2020, pero xa podes rexistrar os teus datos para acceder á beta aberta chegado o momento.

Amais de League of Legends para móbiles, a compañía americana tamén confirmou que está a traballar nunha adaptación do TFT, e que se lanzará a principios do vindeiro ano. DOTA Underlords, de Valve, xa se atopa neste mercado. Após a súa aterraxe nesta plataforma, Riot sinala que actualizará o xogo con novos conxuntos de campións e habilidades cada poucos meses. Polo momento, o novo set ou conxunto chámase Os elementos álzanse, e está centrado nos dragóns elementais. Sairá o 5 de novembro.

Legends of Runeterra

Leva tres anos en desenvolvemento. Será a primeira experiencia da empresa no campo dos xogos de cartas ou CGS. De carácter free to play, avisa desde o principio que haberá compras internas, pero que nada de sobres aleatorios: poderemos comprar a carta que queiramos mediante a divisa interna do xogo ou con diñeiro real. O seu lanzamento producirase durante o 2020 para PC e móbiles. Tamén ten o seu rexistro aberto. Contará con dúas versións de proba antes da súa chegada.

O catálogo de cartas de Legends of Runeterra sepárase en rexións, cada unha co seu tipo de cartas pero coa posibilidade de crear un mazo que recolla varios grupos. A partir de aí, comeza un combate por quendas cargado de estratexia. Soa a típico, pero os seus responsábeis afirman ter os suficientes elementos para diferenciarse, e por moito, da competencia.

Proyect A

Sen dúbida, unha das grandes sorpresas da celebración do décimo aniversario. Riot quere crear un shooter táctico centrado en personaxes —a comparación con Overwatch saíu a escena na maioría de foros ou chats—. Segundo puideron coñecer algúns medios nas oficinas de Riot en Europa, posuirá un apartado gráfico animado que simula ser unha mestura entre Team Fortress e o xa nomeado título de Blizzard.

Proyect L

A súa existencia xa era sabida, aínda que ofreceu un bo número de datos. En Revista Morcego, o noso especialista en xogos de loita dedicou todo un artigo ás impresións que sacou das imaxes amosadas e do equipo que hai detrás desta experiencia. Trátase dun título de loita en dúas dimensións, probablemente enfocado ao xogo competitivo en liña.

Proyect F

O máis misterioso de todos os anuncios. A única explicación que achegan desde a compañía é que poderás percorrer Runeterra cos teus amigos. Soa a RPG ou MMO, pero fan falta máis datos e Riot non quixo afondar nisto. É un proxecto que existe e que algún día verá a luz, pero que aínda queda moito para ese momento.

Folla de ruta compartida por Riot Games.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] cita chamda BlizzCon na que está en xogo moito máis do que lle gustaría á compañía, após os grandes anuncios da competencia e a falta de sorpresas cara a unha comunidade de xogadores que estaba afeita a vivir fitos da […]

  2. […] de League of Legends disfrazouse de futuro e pintou sobre un lenzo o seu ambicioso plan de futuro: novos xogos, novas aventuras, novas formas. A compañía americana pasará de ser empresa dun xogo para selo de varios. Esa é a idea. Agora, […]