Actualidade RIP Fortnite :: Os usuarios do título de Epic protestan en Twitter

RIP Fortnite :: Os usuarios do título de Epic protestan en Twitter

Se tes conta de Twitter, é posíbel que este domingo aparecese no teu TL o hashtag #RIPFortnite, para logo velo entre os máis usados do mundo. Non foi casualidade, senón un movemento de protesta orquestrado por miles de xogadores do battle royale que querían dar a súa opinión sobre o estado actual da obra de Epic.

Tan mal está Fortnite? Que está a ocorrer? As queixas dos usuarios poderíanse resumir da seguinte maneira:

  • Reclaman que Epic está a centrarse demasiado no territorio competitivo, afastándose da diversión inicial do principio, onde cada poucos días había sorpresas e tolemias para goce dos usuarios.
  • Malia buscaren ese equilibrio profesional, os xogadores competitivos tampouco consideran que o meta estea pulido, ao non estar garantido un sistema cento por cento fiable en disparos e movementos.
  • Os servidores atópanse estes días preto do seu límite, debido á situación de confinamento e a chegada masiva de novos e vellos xogadores, o que provoca caídas e fallos de conexión

Alén de calquera dúbida, o battle royale de Epic segue sendo a galiña dos ovos de ouro dentro do xénero. En Twitch continúa mantendo cifras de decenas de miles de usuarios, mesmo nestas últimas semanas, após a estrea de CoD: Warzone e Valorant. O domingo pola tarde, Fortnite tiña máis de 250.000 espectadores na plataforma morada.

Quizais as protestas sexan merecidas e a compañía americana decida tomar nota, pero o xogo está lonxe desa hipotética morte que recollía Twitter en forma de hashtag.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.