Rise of the Giant, o gran DLC que expandirá o universo de Dead Cells

Enorme e de balde. Así será o DLC para o título de Motion Twin, Dead Cells, que chegará o próximo 28 de marzo para a súa versión de PC en Steam. Os seus creadores acaban de desvelar boa parte do seu contido, que non é pouco, e abre o apetito a todos aqueles que queiran volver mergullarse no mundo deste exitoso rogue-like.

Rise of the Giant traerá a Dead Cells unha chea de novidades.
Rise of the Giant é o título que leva esta expansión e que aínda non ten data para o resto de versións dispoñibles (PS4, Xbox One e Nintendo Switch). Cales son as súas novidades principais?
- Unha nova zona, totalmente orixinal, co seu respectivo xefe final. Trátase dun inimigo colosal e máis que perigoso. Para acceder a este mapa debemos finalizar o xogo, polo menos, unha vez.
- Novas hordas e tipos de inimigos.
- Incorporación de trampas coas que deberemos ter especial coidado.
- Cincuenta vestimentas coas que cambiar a aparencia do protagonista desta aventura. Para obtelas hai diversas formas: rematar a certos inimigos, xogar nos niveis de dificultade máis altos, achalos ocultos no escenario…
- Dez novas armas así como tres habilidades a estrear para engadir máis doses de acción e posibilidades.
- Máis opcións no modo Personalizado.
- Corrección de diversos e bugs e cambios en varias mecánicas ou interaccións.
- Novo nivel de dificultade. Unha tolemia para os principiantes, un reto para os veteranos.
Cabe destacar que Motion Twin presume de escoitar á comunidade, e moitos dos cambios que chegarán con Rise of the Giant son propostas sacadas directamente das peticións e suxestións da comunidade de Dead Cells. Nas notas oficiais saen claramente citadas cales son e cales non. Todo un detalle.

A expansión inclúe unha zona totalmente nova e orixinal, así como un xefe final enorme.