Rocket League non necesitará subscricións online no seu salto ao F2P
Cinco anos despois do seu lanzamento, Rocket League aínda ten moita roda que queimar. O título de Psyonix anunciou recentemente que se adaptaría ao formato free to play, polo que todo o mundo poderá gozar da explosiva combinación entre vehículos e fútbol.
Agora, grazas a unha publicación no blogue do estudio, puidemos coñecer unha das novidades máis significativas respecto a este cambio. Non será preciso ter unha subscrición a Nintendo Switch Online ou PlayStation Plus para poder gozar do xogo. Desta forma, Rocket League adáptase á liña doutras obras gratuítas en PS4 que eliminan ese requisito.
Así, tan só restaría agardar a confirmación do cambio de formato. Psyonix asegurou que en setembro chegará un parche menor e pouco despois recibiremos a nova versión.




