Rocket League vivirá un verán cun ollo posto nos anos 80

Rocket League vivirá un verán cun ollo posto nos anos 80

Co verán ao virar a esquina, os estudos queren tamén sacar proveito a ese aumento na cantidade de tempo libre que seus xogadores teñen —polo menos aqueles que dispoñan das súas vacacións nesta época—. Así, son habituais os eventos especiais ou o comezo de novas tempadas. Rocket League, aposta polo primeiro, e quenta motores con Radical Summer, unha volta a eses veráns dos anos 80.

«Prepara as lentes de sol de aviador e o radiocasete, porque vas volver atrás no tempo na nosa particular homenaxe ás películas, as series de televisión e a cultura dunha das décadas máis influentes da historia», explican desde Psyonix, estudio responsable do título competitivo, recentemente adquiridos por Epic.

O evento vivirá o seu inicio o próximo 10 de xuño e configúrase como un dos maiores da súa clase nos catro anos de historia do xogo. Nove semanas cheas de obxectos gratuítos, contidos premium con licenza e modos de xogo especiais. Quen dixo que quería un verán diferente? O evento dividirase en tres fases relacionadas cos 80: taquillazos,cultura e televisión.

Cartel promocional do evento, con forte inspiración nas carátulas da época.

Cada unha durará tres semanas e contará cunha colección de obxectos emblemáticos inspirados nesta nostálxica década, así como un modo de xogo exclusivo.

Dentro das licenzas confirmadas por Psyonix figuran algunhas de enorme relevancia, directas ao corazón e a memoria dos que viviron esa época:

  • Cazapantasmas
  • O coche fantástico
  • Regreso ao futuro
  • E.T.
  • Os Goonies
  • Karate Kid
  • Voltron: Legendary Defender
  • WWE

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.