Actualidade Rockstar confirma a data de lanzamento de GTA 5 en PS5 e Xbox Series X|S

Rockstar confirma a data de lanzamento de GTA 5 en PS5 e Xbox Series X|S

Rockstar puxo data de lanzamento para gozar de Grand Theft Auto V nas últimas consolas creadas por Microsoft e Sony. Paga a pena lembrar que xa venden máis de 160 millóns de copias.

O 15 de marzo, o famosísimo xogo de acción e mundo aberto da compañía americana chegará na súa versión final para estas máquinas. E si, claro, incluirá novos modos gráficos con resolución ata 4K, 60 fps, melloras nas texturas, maior distancia de debuxado, ray tracing… todo o lote típico e habitual.

Rockstar tamén confirmou que os donos das actuais versións para PlayStation 4 e Xbox One poderán transferir tanto a progresión no modo historia como os personaxes e progresión de GTA Online ás de PlayStation 5 e Xbox Series X|S.

Doutra banda, tal e como xa se anunciou hai tempo, sairá á venda tamén unha edición independente de Grand Theft Auto Online, tamén o 15 de marzo. Durante o tres primeiros meses estará dispoñible de forma gratuíta para os usuarios de PlayStation 5, por certo.

Emporiso, hai uns días, a compañía estadounidense anunciou de forma oficial que xa está a traballar na seguinte entrega da franquía. Que xa se sabía, pero faltaba dicilo de forma pública e aberta. Feito queda.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.