Rockstar lanza o primeiro adianto oficial de GTA 6
Chegou o día, chegou a romaría. Grand Theft Auto VI —confírmase o título con número— puxo as súas primeiras cartas sobre a mesa en forma de tráiler.
Curiosamente, fíxoo unhas horas antes do previsto, por mor das filtracións que xa estaban a acontecer e poñían en perigo a sorpresa e o impacto do anuncio.
Sexa como for, Rockstar lanza información dun novo xogo e o mundo fica atento, como vén sendo costume. Confirman na peza audiovisual distintas cousas: parella de protagonistas (home e muller) e Vice City como localización principal.
E a data? Haberá que agardar algo máis do que algúns pensaban. Vaise a 2025 (sen concretar máis). Ora ben, o que si se sabe é que chegará primeiro a consolar, seguindo o mesmo modus operandi que títulos anteriores da compañía. E ollo, que igual a xente de PC ten que agardar un chisco, pois Red Dead Redemption 2, por exemplo, tardou un ano e un mes en aparecer neste sistema.