Actualidade Rockstar mellora a súa cultura de desenvolvemento para evitar o crunch, segundo Kotaku

Rockstar mellora a súa cultura de desenvolvemento para evitar o crunch, segundo Kotaku

Aínda que foi Kotaku o primeiro medio en informar da brutal carga de traballo que conlevou crear Red Dead Redemption 2, tamén foi o medio estadounidense, que conta coa firma do coñecido xornalista Jason Schreier, o que informa de cambios importantes dentro da compañía responsábel de Grand Theft Auto para evitar o crunch.

Schreier explica nun novo artigo que o estudio leva varios meses traballando en aplicar cambios dentro do seu esquema de traballo, novidades que afectarán á rutina de todo o equipo e tamén a forma de desenvolver os proxectos futuros da compañía. Segundo o publicado, Rockstar quere crear obras que non deriven en longas xornadas de traballo, evitando cambios a última hora e sesións nocturnas ou de fin de semana.

Estase a crear un novo GTA? Semella que si, e será o primeiro xogo no que os empregados se beneficiarán desta renovada política. O título terá unha escala máis pequena en comparación con anteriores entregas —que non significa que siga sendo un xogo de gran tamaño, en comparación coa media do mercado—, pero irá ampliando o seu contido mediante actualizacións ao longo do tempo. Non hai máis detalles sobre esta nova obra, pois está nunha fase temperá de desenvolvemento.

Segundo indica Kotaku, que obtivo tamén declaracións de traballadores de Rockstar, estas novas dinámicas de traballo foron ben recibidas, evitando que algúns desenvolvedores deixasen a compañía ao comprobaren que a presión diminuiría de xeito sensible.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.