Rocksteady presenta Suicide Squad: Kill the Justice League, a súa aposta multixogador
Tal e como estaba programado, Suicide Squad: Kill the Justice League fixo a súa presentación pública. O novo título do estudio británico Rocksteady ten data para o 2022 e chegará para PS5, Series X e PC. Está confirmado que se situará no mesmo universo que os Batman Arkham, saga coa que a compañía alcanzou o éxito unánime.
Sábese que os protagonistas deste xogo de acción cooperativo serán Harley Quinn, Deadshot, King Shark e Captain Boomerang, e o seu obxectivo será o de acabar coa Liga da Xustiza, formación na que milita o todopoderoso Superman. A aventura poderá ser xogada de xeito individual, cos outros personaxes controlados pola IA e a posibilidade de coller control deles en calquera intre, mais tamén poderemos xogar con outros tres xogadores a través do modo en liña. A acción desenvolverase en Metrópoles, deixando Gotham de lado.




