Actualidade Rocksteady xa apunta á próxima xeración de consolas

Rocksteady xa apunta á próxima xeración de consolas

Relacionado co mundo do cómic, triplo A e para a próxima xeración de consolas. Son os tres datos que a día de hoxe Rocksteady Studios podería recoñecer ou afirmar de cara ao seu próximo proxecto, do que non hai nin título nin temática. Polo menos de cara ao público.

Os creadores da última e aclamada saga de xogos de Batman teñen claro que as cousas deben facerse con calma. No aire o rumor máis elemental (ou soño húmido dos fans) é que o novo título da súa factoría teña a Superman coma protagonista. O mutis sobre elo é total.

Polo pronto, o que si ten Rocksteady sobre a mesa son unha serie de ofertas de traballo de diversa índole. Nada menos que vinte vacantes dispoñibles, na que o común denominador é ter coñecemento de videoxogos e tamén do mundo do cómic. Hai un pouco de todo: para o departamento artístico, o de marketing, iluminación e efectos, deseño de produto e ata de xerente de redes sociais, para o que buscarían a alguén capaz de realizar unha campaña de promoción “innovadora e efectiva”.

Pese a ter en conta estas vacantes de traballo, quedaría por saber se, aínda que estas ofertas vaian enfocadas a un título recentemente decidido para a nova xeración de consolas, non existe xa un equipo de traballo  para un xogo a lanzar nesta xeración actual.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *