Actualidade S.T.A.L.K.E.R. 2 atrasa a súa estrea até decembro

S.T.A.L.K.E.R. 2 atrasa a súa estrea até decembro

Iamos poder xogalo en abril, pero GSC Game World acaba de anunciar que S.T.A.L.K.E.R. 2: Heart of Chernobyl atrásase até finais de 2022.

A continuación da obra de culto de PC non chegará ás tendas e plataformas dixitais até o 8 de decembro, concretamente. É unha prórroga de sete meses sobre a data de lanzamento orixinal. Os seus responsábeis explican que preisan este tempo adicional de desenvolvemento «para cumprir coa nosa visión e alcanzar o estado desexado para o xogo»

«S.T.A.L.K.E.R. 2 é o proxecto máis grande na historia de GSC e require probas e pulido extensivo. Estamos convencidos de que o desenvolvemento debe durar tanto como sexa necesario, especialmente no caso dun proxecto como este. A decisión non foi sinxela, pero estamos a facer todo o posíbel para ofrecer un xogo que estea á altura das vosas expectativas»

S.T.A.L.K.E.R. 2: Heart of Chernobyl está chamado a ser un dos grandes exclusivos que recibirá o catálogo de Microsoft este ano, cando aterre en Xbox Series X|S e PC. E si, estará dispoñíbel  no Xbox Game Pass desde o seu primeiriño día.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.