Sea of Thieves regálase unha enorme actualización polo seu primeiro cumpreanos

Sea of Thieves regálase unha enorme actualización polo seu primeiro cumpreanos

Sea of Thieves vén de recibir a súa actualización máis grande até hoxe. Un bo lavado de cara que inclúe novos modos de xogo, diversas melloras reclamadas polos usuarios, unha campaña e diferentes cambios e axustes na xogabilidade. Trátase dun parche de balde e busca dar un novo impulso ao xogo de piratas en liña de Xbox One e PC agora que celebra o seu primeiro aniversario.

Tall Talle preséntase como un modo historia no que vivir unha serie de aventuras lendarias de corte mariñeiro. En palabras de Rare, expón «unha viaxe épica de amor, aventura, honra e… traizón nas míticas Shores of Gold».

Este novo modo de xogo poderase gozar tanto en solitario como en cooperativo. Para que enganarnos; competir de xeito conxunto sempre é máis motivador que afrontar a tarefa en soidade. Inimigos, crebacabezas, mapas do tesouro… Todo iso estará nesta historia de piratas clásica.

Outro dos novos modos que trae a actualización é a inclusión de A Area, un modo competitivo no que os xogadores poderán encher os seus petos afundindo nas augas do océano os barcos dos seus rivais, ou exhumando cofres e vendendo o seu contido. Son partidas duns 25 minutos de duración no que cinco tripulacións de catro piratas sucan os mares cos seus galeóns coa esperanza de ser os mellores corsarios.

Por último, aínda que non menos importante, engadiuse unha nova compañía comercial baixo o nome da Chamada do Cazador, que ofrecerá aos usuarios distintas vías de progresar nela. Dentro das novas características que se engadirán ao xogo están a pesca, a caza e a cociña. Serán estas as actividades que solicitará Merrick, o contacto dos xogadores con esta nova compañía.

A actualización tamén revisa o sistema de dano e opta por cambialo. Agora, o dano afectará de maneira distinta aos mastros, os cabrestantes e ao temón, o que achega un maior punto de pericia e habilidade nos combates navais. Ademais, engadíronse 1.000 novos puntos que conseguir para o Gamerscore.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados