Actualidade SEGA anuncia SolSeraph, o sucesor espiritual de ActRaiser

SEGA anuncia SolSeraph, o sucesor espiritual de ActRaiser

A aparición sorpresa dun xogo sempre é boa nova, e aínda máis se o título en cuestión chegará nunhas semaniñas ás tendas. SEGA vén de anunciar SolSeraph, o sucesor espiritual de ActRaiser, clásico título de acción e plataformas publicado para Super Nintendo alá polo ano 1990.

Segundo explica a compañía xaponesa, trátase dunha aventura que nos poñerá na pel de Helios, encargado de guiar á humanidade e supervisar o crecemento e a evolución das diversas aldeas que habitan no mundo, ás que defende dos monstros que queren invadilas. Así, as mecánicas divídense en dúas ramas ben diferenciadas: a parte de estratexia e a de acción pura.

Nos primeiros compases da partida deberemos guiar ás diferentes tribos e expandir os seus territorios, como? Construíndo casas e estradas. Pode parecer doado, pero este non é un mundo idílico, senón un con criaturas coas que loitar e para as que deberemos preparar unha serie de defensas básicas, como trampas e torretas.

Se queremos pasar ao ataque, poderemos controlar a Helios en niveis 2D. O noso arsenal pasa por unha espada, un escudo e un arco máxico. Así será, ao menos, de xeito inicial, xa que logo obteremos novas habilidades coas que combater as diferentes criaturas.

O seu lanzamento está fixado para dentro duns días, o 10 de xullo. Chegará en formato dixital para PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch e PC a través de Steam.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.