Sega celebra o seu aniversario coa chegada da Game Gear Micro e o futuro das recreativas

Sega celebra o seu aniversario coa chegada da Game Gear Micro e o futuro das recreativas

Unha das compañías máis importantes da historia dos videoxogos cumpre 60 anos e ten varios motivos para celebralo. Sega vén de anunciar a Game Gear Micro, unha versión reducida do seu mítico sistema, tal e como fixeron outras empresas como Nintendo ou Sony cos dispositivos de seu retro. Será a partir do vindeiro 6 de outubro cando poderemos mercar unha copia desde Xapón —aínda non se revelaron plans acerca do seu lanzamento en Occidente— , onde terá un custo total de 50 dólares.

Cunhas dimensións de 80mm x 43mm x 20mm, a palabra «micro» axústase perfectamente ao seu tamaño. Unha pantalla de 1,15 polgadas, altofalante mono, saída de auriculares, carga USB e capacidade para dúas pilas AAA son as características técnicas de Game Gear Micro. En favor do coleccionismo por parte dos usuarios, Sega distribuirá catro modelos da consola que contará con catro xogos distintos integrados na memoria interna. Estes son os títulos que inclúen cada modelo:

  • Modelo negro: Sonic the Hedgehog, Puyo Puyo 2, Out Run e Royal Stone.
  • Modelo azul: Sonic Chaos, Gunstar Heroes, Sylvan Talle e Baku Baku Animal.
  • Modelo amarelo: Shining Force Gaiden: Ensei – Jashin non Kuni hei, Shining Force: The Sword of Hajya, Shining Force Gaiden: Final Conflict e Nazopuyo Aruru non Ru.
  • Modelo vermello: Revelations: The Demon Slayer, Megami Tensei Gaiden: Last Bible Special, The GG Shinobi e Columns.

Tamén nos salóns de xogo

Unha das grandes novidades que agardaba o público a para esta semana relacionada con Sega tamén foi confirmada. A compañía xaponesa vai apostar por romper barreiras no ámbito das máquinas recreativas grazas á súa tecnoloxía Fog Gaming. Este programa permitirá conectar as recreativas da desenvolvedora que se atopen repartidas por todo Xapón a través dunha rede para permitir o xogo a distancia.

A falta de máis detalles por parte de Sega, o Fog Gaming será un servizo destinado ao público do país asiático, xa que é o territorio a nivel mundial no que máis se conserva a tradición de acudir aos salóns recreativos. Non só os usuarios desde as súas casas poderán beneficiarse desta tecnoloxía, senón que a propia Sega aforraría unha gran cantidade de custos en producir novos mobles cos hardwares incorporados. Deste xeito, cada máquina recreativa podería reproducir o título que usuario decidise e sen limitacións.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados