Reportaxes Seis vidas para un GOTY

Seis vidas para un GOTY

Se onte coñeciamos os nomes dos títulos nomeados a Xogo do Ano (GOTY) polos Game Awards, non estaría de máis realizar hoxe un repaso (…e un par de reflexións) coa idea de afondar nun galardón que, a pesar da súa curta idade, acabou por transformarse nun dos máis chamativos para público e industria.

Os seis videoxogos que compoñen a listaxe, a saber: Assassin’s Creed Odyssey (Ubisoft Quebec / Ubisoft), Celeste (Matt Makes Games), God of War  (Sony Santa Monica / SIE), Marvel’s Spider-Man (Insomniac Games / SIE), Monster Hunter: World (Capcom) e Red Dead Redemption 2 (Rockstar Games) deixan unha táboa de posibilidades heteroxénea e dalgunha maneira xusta, tamén con algunha que outra sorpresa e algunha que outra ausencia.

Assassin’s Creed Odyssey

Non poucas voces destacaron onte, vía redes sociais, foros do presente; a presenza do título de Ubisoft como posible GOTY. Este é o primeiro capítulo tras Origins dun renacemento que Ubisoft quixo outorgar á saga de asasinos.

Na práctica, unha boa porcentaxe de xogadores puxo en dúbida o valor real de Odyssey como xogo do ano, aínda que tamén foi defendido por un sector que destaca o seu impoñente e vasto mundo, así como a capacidade de ter espectacular apartado gráfico e unha narrativa que funciona máis que debidamente, aínda coas súas incongruencias.

O último Aassasin’s Creed é un bo xogo cunha serie de problemas en forma de decisións empresariais (como a presenza de micropagos maiormente innecesarios), máis que en doenzas dunha xogabilidade tan só lastrada pola repetición de tarefas ou a necesidade de converter misións secundarias en obrigatorias se o usuario non quere pasar por caixa e continuar a historia co nivel requirido.

Ubisoft logrou plasmar a antiga Grecia como nunca antes se retratou nun videoxogo. O resultado é marabilloso, e pouco debate debería haber con este tema. O sistema RPG polo que se optou quedou definido como a salvación dunha saga xa cansa dos seus lanzamentos anuais, e cada vez con menos que dicir. Odyssey ten os seus méritos, aínda que tamén as súas sombras.

Como posibles substitutos á súa candidatura, Forza Horizon 4 foi un común denominador nas opinións. Un título visualmente maxistral e actual representante dunha franquía que se alza como a máis afiada punta de lanza dos amantes da condución. Si aparece o xogo de Playground Games como posible galardoado a mellor xogo deportivo ou de carreiras.

Celeste

A súa presenza é aplaudida e laureada, aínda que non deixa de posuír certo resaibo amargo. Non pola súa calidade, máis que demostrada para poder ser un dos lanzamentos do ano; senón máis ben por simular ser unha chiscadela cara á industria do videoxogo independente. Necesaria? Probablemente si, pero as posibilidades reais de que Celeste logre o galardón ante títulos con vendas millonarias e masivas antóllase, como pouco, estraño.

Demostran os Game Awards aprender do ano pasado, despois dunha edición na que ningún título desta categoría conseguiu estar entre os nomeamentos (si ocorrera en 2016, con Inside). Non quero dicir nin indicar que a presenza da obra de Matt Makes Games non se mereza estar aí. Para nada. Debe estar, e moi dificilmente un xogador que o mercara sería capaz de non crer que ese é o seu sitio, pero neste tipo de premios a sensación de estar todo o peixe vendido de antemán faise demasiado tanxible.

Editado no principio do ano, Celeste é un plataformas que marca un xenial punto e aparte no seu xénero, cunha narrativa e unha mensaxe notables, unidos a unha xogabilidade simple pero efectiva. Unha xoia do presente que se converterá nun mito do futuro.

God of War

Entremos en materia. Que Red Dead Redemption 2 pasea pola estrada como favorito para ser o GOTY de 2018 é evidente. Tomando esta base como lei, é posible que God of War sexa o único rival directo que pode arrebatarlle a coroa e que, a pesar dunha posible sorpresa inicial en caso de facelo, este feito sería posteriormente comprendido como unha decisión sensata.

Aclamado desde o seu lanzamento, a aventura de Kratos e o seu fillo Atreus é unha viaxe a través dunha terra hostil ambientada na mitoloxía nórdica. A súa beleza radica na capacidade de redefinir un símbolo como é o espartano dentro da súa propia historia, e facer que iso funcione, que o xogador non bote de menos nin as vellas mecánicas nin as vellas narrativas, senón que mire cara ao futuro e, do mesmo xeito que Kratos, deixe o pasado atrás.

God of War é, e será, un imprescindible desta xeración. O seu nomeamento era obrigada e de non ser polo título de Rockstar non poucos o converterían en GOTY mañá, sen agardar, sen contemplacións. A súa exclusividade en PS4 definiuno como un vendeconsolas de seu, calidade da que non todas as obras desta categoría poden presumir.

Marvel’s Spider-Man

Nunca Peter Parker posuíu tantas animacións, tanta vida, tantas posibilidades de balanzarse pola Gran Mazá. O home araña de Marvel’s Spider- Man é un prodixio técnico que tamén namorou aos posuidores da máquina de Sony e puxo os dentes longos á competencia.

Unha obra audiovisual divertida como poucas, que provoca no xogador a necesidade de seguir gozando dese voo hipnótico entre edificios, de ser o heroe, de sentirse valioso para Nova Iorque, de ser, en definitiva, Spider-Man. Un soño cumprido.

Aínda que o seu nomeamento é necesario e para nada discutida, a posibilidade de que logre deitarse coa medalla dista bastante da realidade. Como fan, sería xenial, aínda que a votación e o debate dificilmente inclinarán a balanza cara ao xogo de Insomniac Games. Indiscutiblemente, Marvel’ s Spider-Man ten algo. Chámeselle maxia, aura ou corazón. E perdurará. Sexa GOTY ou non.

Monster Hunter: World

Non puiden evitar sentir certa satisfacción ao ver como o título de Capcom entraba dentro das opcións a mellor xogo do ano. Motivos? Varios, aínda que bastarían dous: é un xogo que chama ao vicio e do que se goza enormemente en compañía (aínda que tamén en soidade) que se colocou coma un dos poucos títulos deste 2018 que conseguiron facerme madrugar para poder meterlle máis horas das aconselladas. O outro? Se con Celeste a chiscadela era á industria independente, con Monster Hunter: World o detalle adquire a forma dunha inclinación de cabeza, a modo de reverencia, cara o mercado xaponés.

Capcom conseguiu occidentalizar unha franquía que xa gozaba dunha saúde envexable na illa do pacífico, pero que agora persistirá como un fenómeno global grazas ao feito de posuír unha lexión de xogadores nos seus servidores terriblemente fiel.

É probable que tamén zumegue certa sorpresa o seu nomeamento, aínda que en termos xerais cumpre sobradamente os requisitos e aproba con nota. Substitutos para a súa praza? Realmente non, ou polo menos de maneira tallante. Aínda que, e a modo de anécdota, a un servidor non lle importaría ter visto tamén a Detroit: Become Human dentro das posibilidades á hora de optar ao GOTY. Non hai oco para todos, claro.

Red Dead Redemption 2

O bicho. O aclamado. Claro favorito a xogo do ano e mesmo da década. A súa irrupción na actual xeración de consolas causou un fenómeno de vendas global, un tsunami que arrasou entre os creadores de contido e que volve lembrar ao mundo por que Rockstar é unha das compañías máis valoradas da industria.

A través dun salvaxe oeste infestado de detalles enfermizos, o usuario de PS4 ou Xbox One mergúllase nunha aventura marca da casa, cun protagonista que xa ocupa un posto destacado dentro da historia dos videoxogos, e que conta cun apartado visual maxistral.

Só o seu ritmo lento, non apto para todo tipo de público, e algúns detalles técnicos menores poden ser o pero dunha obra cultural, representante actual de até onde chegou a tecnoloxía e o entretemento dixital.

Se RDR2 non se fai co galardón, nada ocorrería, máis aló dunha lóxica sorpresa. Medio planeta coñece as súas virtudes e que dúbida cabe de que as próximas xeracións acudirán a el en busca dunha experiencia máis que pracenteira coa idea de converterse nun fuxido da xustiza, nun vaqueiro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.