Seis xogos do Xbox Game Pass para PC que pagan a pena

Seis xogos do Xbox Game Pass para PC que pagan a pena

É algo típico. Temos varias decenas de videoxogos aos que botar o dente pero custa decidirse. Non hai problema. A continuación atoparás algunhas ideas ou opcións coas que poder ir a tiro fixo sen demasiada marxe de erro á hora de buscar diversión e sacarlle rédito ao Xbox Game Pass en PC —tomaremos como base aqueles xogos que só están dispoñíbeis nesta plataforma—. Como sempre nestes casos, opcións hai moitas, e aquí simplemente quedan unhas poucas ideas. Subxectivas? Por favor, claro.

Lembra que aínda é posible obter algunha das ofertas que propón Microsoft e gozar dun catálogo máis que xeneroso, sobre todo se tamén es dono dunha Xbox One.

As tres posibilidades de subscrición. Todas elas contan cun primeiro mes por só un euro.

Astroneer

En ocasións pensarás que máis que un astronauta es un mineiro, pero este título dá o que promete: exploración na súa máxima expresión. É certo que pode ser un xogo nicho debido ao seu ton acougado, sen perigos reais máis aló da falta de osíxeno e o ambiente hostil a través da propia atmosfera dos planetas que podemos visitar, pero Astroneer posúe unha beleza especial.

Construír unha base, procurar recursos naturais, chegar ao centro dun planeta ou un satélite, descubrir os seus segredos… A pesar da súa aparente sinxeleza, Astroneer encerra un interese inédito e quere contar algo máis do que semella nun principio. A súa banda sonora, por certo, funciona á perfección, ofrecendo unha sensación de exploración, tensión e épica máis que lograda.

O sistema solar ao alcance dun movemento de rato. Pódese xogar con amigos, o que engade unha dose de diversión evidente.

A Terra Media: Sombras de Guerra

De recente introdución. Unha opción onde a acción e a aventura combínanse con outros elementos, tanto do xénero RPG como de estratexia, e que conflúen nun título efectivo e notable. Matar orcos é sempre respectable, sobre todo se as posibilidades para facelo aumentan a cada nivel que adquirimos.

A súa anterior entrega gozou dun éxito coñecido. Esta parte, porén, tivo que medirse ás fortes críticas recibidas sobre a súa recta final, estirada dunha maneira artificial e innecesaria, e cuns micropagos que sobran completamente. Fóra disto, se buscas un xogo de acción e es fan da mitoloxía de Tolkien, a súa instalación está máis que xustificada. Sen ningunha dúbida.

Metro Exodus

Mercalo polo seu prezo actual podería ser un feito a debater, pero polo prezo de Xbox Game Pass, paga moito a pena instalar a última entrega da saga Metro. Un capítulo que deixa atrás a claustrofobia do subsolo e arríscase a localizacións máis abertas, mesmo xogando con mecánicas de mundo aberto e que o xogador decida que facer ou como. Ollo, tamén hai momentos lineais, e son, con diferenza, a gran maioría.

Supervivencia pura nunha Rusia da que pouco queda, polo menos sen mutar en criaturas pouco amigábeis co noso personaxe. Acción e aventura en primeira persoa cun grao de dificultade bastante axustado. Non se trata de ir pegando tiros por todas as partes, aquí o sixilo tamén é fundamental. Aforra recursos, nunca se sabe.

Vampyr

Un título de carácter independente que está lonxe de ser perfecto, pero que posúe unha narrativa máis que interesante e coa que se te deixas levar achas máis puntos positivos que negativos. Desenvolto por Dontnod Entertainment, Vampyr ponnos na pel dun ser da noite recentemente convertido que debe saciar a súa sede e, asemade, non perder a súa humanidade. O xogo ten un sistema de moralidade de seu e propón unha aventura con moitas opcións, na que decidiremos quen vive e quen morre.

Os feitos que se narran suceden durante a era da gripe española, nun Londres que serve de escenario semi-aberto composto por catro distritos, susceptíbeis de desaparecer segundo as accións que fagamos. Faltoulle puír o sistema de combate, pero ten o seu aquel. Merece unha oportunidade, iso seguro.

Forza Horizon 4

Gústache conducir? Entón seguramente xa o teñas. Hai tempo que non probas un xogo de velocidade? Pois… adiante. A franquía de Playground Games evolucionou e medrou da man de Xbox e esta última entrega é o exemplo perfecto. Un mundo aberto que cruzar, estradas que sucar e, de verdade, unha sensación xenial mentres o fas.

Un servidor non se considera un piloto experto, e quizais por iso puiden gozar de Forza Horizon 4 dunha maneira tan agradábel e singular. Cun apartado gráfico espectacular, configúrase como un título divertido e exemplar. Pisa o embrague e acelera, que ruxa o motor.

Sea of Thieves

É, sen dúbida, un dos motivos máis simples para adquirir o Xbox Game Pass: ter acceso á obra de Rare. Un título que foi medrando aos poucos e que hai apenas unhas semanas recibía unha actualización de gran tamaño que buscaba suplir todas a carencia que arrastraba.

Si, como todo nesta vida, con amigos é mellor e a diversión dispárase. Non é que non se poida gozar en solitario, pero é evidente que o carácter multixogador ou cooperativo está moi presente na proposta que quere amosar de base.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.