Actualidade Sekiro: Shadows Die Twice contará na súa estrea cun parche do día 1

Sekiro: Shadows Die Twice contará na súa estrea cun parche do día 1

Tan só faltan unhas horas para que Sekiro: Shadows Die Twice vexa a luz en todo o mundo. Trátase da nova obra de Hidetaka Miyazaki, o xenio creativo detrás da saga Souls e Bloodborne. A súa estrea está previsto para este 22 de marzo en PC, PS4 e Xbox One. Aos 12,52 GB que pesará o xogo, deberánselle sumar os 3,67 GB do seu parche do día 1. Aínda que o total alcance os 15 GB, segue sendo un tamaño reducido fronte a outros xogos actuais.

Estas actualizacións iniciais son unha práctica moi habitual na industria e adoitan engadir corrixir erros da versión 1.00. O seu punto negativo é que obriga aos xogadores a precisar dunha conexión a Internet o día da súa estrea se non queren iniciar a aventura cunha versión non corrixida.

Aínda que en principio rumoreouse que a prensa internacional non tería acceso ao xogo antes da súa estrea, Activision desmentiu recentemente tal asunto e este xoves 21 de marzo deberían aparecer as primeiras análises en profundidade dos diferentes redactores que proben e finalicen a aventura do “lobo solitario”.

Porén, xa hai vídeos en YouTube de gameplays xogados en PC, coma é o seguinte caso, no que se amosan os primeiros trinta minutos do xogo. Coidado cos spoilers, avisados quedades.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *