Sekiro suma máis de 2 millóns de copias en 10 días
Boas noticias para Activision e From Software. A través dunha nota de prensa, as compañías confirmaron que Sekiro: Shadows Die Twice vendeu máis de dous millóns de copias ao longo do globo en menos de dez días dende o seu lanzamento. Sen dúbida, un enorme éxito comercial para un título que, nun principio, non está destinado a todo tipo de público debido á súa elevada esixencia e a súa extrema dificultade. En España, Sekiro foi o título máis vendido durante o mes de marzo, superando a Devil May Cry 5 de Capcom.
A cifra achegada por Activision non é pouca cousa. O primeiro xogo da saga Dark Souls tardou en superar a barreira dos 2,37 millóns de copias máis de ano e medio. O segundo capítulo tardou un ano, mentres que Dark Souls 3, ata hoxe o título máis exitoso da triloxía, precisou de dous meses para vender tres millóns de copias. De seguir o camiño que iniciou, Sekiro superará con fartura estes números.
«Sekiro: Shadows Die Twice achegou algo moi especial e único á carteira de xogos de Activision. Foi unha honra traballar con From Software para axudar a presentar unha nova saga para xogadores de todo o mundo», sinala Michelle Fonseca, vicepresidenta de xestión de produtos e márketing en Activision.
O certo é que o xogo no que entramos na pel do Lobo solitario foi todo un fervedoiro de comentarios e ríos de tinta dentro das redes sociais e a prensa especializada. A súa dificultade foi obxecto de certas polémicas, mentres que a súa xenial xogabilidade e curva de aprendizaxe foi enormemente aplaudida. No día de lanzamento, foi o xogo máis visto en Twitch, e durante a primeira fin de semana acumulou máis de 631 millóns de minutos en retransmisións. Como non, tamén foi carne para memes e recompilatorios de reaccións en YouTube.