Shin Megami Tensei III: Nocturne HD Remaster será o regreso do clásico de Atlus
PlayStation 4 e Nintendo Switch recibirán o remaster de Shin Megami Tensei III, tal e como anunciou Atlus. A compañía xaponesa realizará unha revisión do clásico JRPG, o cal foi lanzado orixinalmente en PS2 no ano 2003. Aínda que en territorios PAL o título foi coñecido como Shin Megami Tensei: Lucifer’s Call.
Trátase dunha das obras máis influentes dentro da franquía, xa que o seu sistema de combate influenciou en gran medida nas entregas posteriores. Unha das novidades máis interesantes será a inclusión de tradución en castelán, así como audio tanto en xaponés como inglés. Shin Megami Tensei III: Nocturne HD Remaster chegará na primavera de 2021.