Shovel Knight: King of Cards ubica a súa data de lanzamento á fin

Shovel Knight: King of Cards ubica a súa data de lanzamento á fin

A deste mércores foi unha xornada moi intensa para Yacht Club Games, que quixo dar a coñecer ao mundo diversas novidades. Entre elas atopamos as eferentes a Shovel Knight: King of Cards, a máis que agardada continuación de acción da famosa saga en 2D que chegará este decembro.

Shovel Knight: King of Cards é a cuarta expansión de Shovel Knight. Do mesmo xeito que as outras, estará dispoñíbel de balde para os propietarios de Shovel Knight: Treasure Trove. Conta a historia de como King Knight ascendeu ao trono e uniuse á Orde da Cuarta Parte — The Order of Non Quarter—.

A aventura deixaranos percorrer catro novos mundos con máis de 30 escenarios diferentes, repletos de trampas mortais, inimigos e desafiantes xefes finais. Como xa se adiantou tempo atrás, en King of Cards, ademais, atoparemos tamén un xogo de cartas co que divertirnos entre misión e misión, entre fase e fase.

O videoxogo chegará para múltiples plataformas, incluíndo as da xeración pasada. Poderá comprarse para PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch, PC, Mac, Linux, Play Station 3, Wii U, PS Vita, Nintendo 3 DS e Amazon FireTV.

Máis cabaleiros con pa

Yacht Club Games ofreceu toda esta información a través dunha retransmisión similar á dun Nintendo Direct. Ao longo da mesma tamén se presentaron outras novidades, como o desenvolvemento de Shovel Knight Dig, unha entrega totalmente nova da marca.

É un proxecto que acumula xa un ano de traballo e que conta coa colaboración para a súa creación da compañía de videoxogos Nitrome. Neste novo título a acción cambiará radicalmente, e o obxectivo principal será ir descendendo por unha serie de galerías cavadas polo noso protagonista, moi no estilo de Steam World Dig.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados