Actualidade Silksong, de expansión a secuela de Hollow Knight

Silksong, de expansión a secuela de Hollow Knight

O prometido é débeda. Team Cherry dixo que hoxe xoves ofrecería detalles sobre a expansión de Hollow Knight e así foi. Silksong é o título do que se pensaba ía ser un DLC de pago, pero que finalmente foi anunciado oficialmente como a secuela dun dos metroidvania máis rechamantes e exitosos dos últimos anos. Chegará a Switch, Windows, Mac e Linux, aínda que non existe unha data oficial para a súa chegada.

O que en principio ía ser unha expansión ou DLC, converteuse nova aventura con nome de seu.

Este novo título contará con diversas novidades e terá como protagonista a unha personaxe máis que coñecida para os que gozasen do título orixinal. Que características novas ofrecerá Silksong?

  • Descubrir un novo reino no que explorar bosques, grutas cubertas de carriza, cidades douradas e húmidos páramos mentres tratamos de ascender á cima do mundo.
  • Acrobacias letais. A nova protagonista terá un conxunto de movementos orixinais, áxiles e únicos que case se intúen como un fermoso baile (pero perigoso).
  • Novas misións. Poderemos cazar estrañas bestas, exhumar antigos misterios ou buscar tesouros perdidos para así cumprir os desexos dos oprimidos e restaurar a paz. Haberá sorpresas e historias impactantes.
  • Poderemos derrotar a nada menos que 150 inimigos novos. Monstros, cazadores, asasinos, cabaleiros, reis… A habilidade e a valentía irán da man de novo.
  • Christopher Larkin volve levar a batuta da composición a través dunha banda sonora orquestral, melancólica e con temas únicos para cada xefe de nivel. Aposta clara pola calidade.
  • Un modo extra de xogo que se consegue ao darlle fin á campaña. Chámase Silk Soul e promete ser todo un desafío para os xogadores máis experimentados.

A acción transcorrerá nun novo reino por descubrir.

Os creadores de Hollow Knight explicaron a través de YouTube que percibiron, a medida que creaban esta expansión, que a súa historia era demasiado grande como para ser un mero contido descargable tal e como estaba planeado. Team Cherry non esquece, e sinalou que todos aqueles que financiaron o Kickstarter inicial, recibirán chegado o momento Silksong de balde.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.