SNK presenta o seu novo Metal Slug táctico da man de Dotemu
Co Summer Game Fest de fondo, comezou non o E3, mais si as decenas de anuncios de relevancia que se producirán estes días. SNK logrou chamar a atención do público ao confirmaren o desenvolvemento dun novo Metal Slug, pero non como sempre o xogamos, senón por propoñer unha obra de estratexia tipo XCOM. Chámase Metal Slug Tactics e ten moi boa pinta.
Malia non contar co nome máis orixinal do mundo, é interesante a aposta isométrica que expón, a través dun marcado ton artístico que bebe da fonte orixinal e na que Dotemu, encomiados por crítica e público tras o seu bo facer con Streets of Rage 4, figura como desenvolvedor.
Non hai data de saída nin sistemas, pero é fácil supoñer que chegará ao longo do próximo ano para, como mínimo, PC.