Zona retro Snow Bros: Os bonecos de neve que só bebían pocións

Snow Bros: Os bonecos de neve que só bebían pocións

Durante os anos noventa, un non sempre escollía a que xogar. Polo menos nos bares. Un xogaba ao que o dono quería, ou máis ben, ao que o dono da máquina recreativa de turno quería. Logo, un e outro repartían os cuartos que ti botaras pola rañura cada pouco para logo comprar un ático no centro da túa cidade. Ou non.

Este videoxoguismo imposto acabou por facer que algúns títulos en concreto se fixeran enormemente famosos pese a non seren grandes referentes da industria. Podía haber outros xogos mellores, pero na máquina do bar ao que ías cos teus pais estaba xusto ese xogo que agora lembras con nostalxia.

En 1990, Toaplan lanzou ao mercado Snow Bros. Tratábase dun xogo de plataformas no que o obxectivo era sinxelo: acabar con todos os inimigos de cada nivel. Como? Facéndoos bolas de neve para logo estrelalos contra algunha parede da mesma fase. Polo camiño tamén poderías “atropelar” algún que outro esbirro, ou incluso a todos, dependendo da pericia do xogador.

O xogo gozou de bastante éxito e chegou a ter unha segunda parte. A versión de bar, ou salón de xogos, tiña nada menos que cincuenta niveis de crecente dificultade. A de Game Boy sumaba dez máis, e a de Mega Drive outros vinte, ata facer un total de 70.

Como soe pasar nestes casos, non todo o mundo chegou ata o final da aventura. Ben pola insuficiencia de cartos, ben polo tempo que un dispoñía. Sería curioso debater se é spoiler revelar un final case trinta anos despois do seu lanzamento, así que imos asumir que non o é. Unha vez derrocado o xefe final, os irmáns de neve Nick e Tom, conseguían reunirse coas princesas ás que tiñan que rescatar (porque diso trataba o xogo) e estas, nun acto festivo deciden bicalos e poñelos colorados. Ollo, porque curiosamente na versión de Mega Drive eses últimos 20 niveis extra tiñan como protagonistas ás princesas, e eran Nick e Tom os secuestrados polas forzas do mal. Non está mal esa inversión de roles para un xogo daquela época.

Os irmáns de neve eran máis de pocións que de cervexas. Ou iso asemellaba. Concretamente había catro tipos de brebaxes diferentes, cada un co seu efecto correspondente. O típico power-up que tan ben viña para facer aos protagonistas un chisco máis poderosos.

Coa apócema vermella incrementábase a velocidade de movemento. Probablemente a máis útil durante todo o xogo. A azul permitía un disparo máis potente que o habitual, puidendo converter en bolas de neve aos inimigos máis rapidamente. Coa amarela Tom ou Nick podían lanzar o seu ataque a unha maior distancia, mentres que coa verde, que só saía en niveis moi concretos, o protagonista convertíase nunha especie de boneco de neve inchable e voaba por toda a pantalla, aniquilando a calquera inimigo que tocase, e sendo totalmente invulnerable.

¿Lembras a todos os xefes finais? Velaí van:

  • Nivel 10: Unha especie de lagarto xigante sobre dúas patas que tira criaturas similares a el pero más cativas.
  • Nivel 20: Unha ra que lanza bombas que explotaban ao cabo dun tempo e que se vai desprazando de arriba a abaixo na parte central de la pantalla.
  • Nivel 30: Dous paxaros que voan e disparan ovos. Logo estes eclosionan en pequenos polos que o xogador poder conxelar e usar ao seu favor
  • Nivel 40: Dous monstros verdes que se van arrastrando polas plataformas do nivel e que lanzan lapas que se van movendo. Pódense conxelar e quedar estáticas para logo extinguirse.
  • Nivel 50: Dúas cabezas de pedra que disparan burbullas que ascenden ata rerbentar co teito. Estas poden estar baleiras (as cales poden capturar ao boneco de neve e matalo ao chegar ao teito) ou conter algunha poción, ou, tamén, conter bombas de lume que explotan ao chegar ao chan.

VERSIÓN DE GAME BOY.

  • Nivel 60: Un sol que permanece estático en el centro da pantalla, lanzando pequenas lapas, que ao tocar o chan vólvense estáticas, pero ao cabo dun tempo transfórmanse en soles más pequenos que poden conxelarse en bolas de neve, e lanzarllas ao xefe final.

VERSIÓN DE MEGA DRIVE.

  • Nivel 60: Asemella ser un extraterrestre de tres ollos e que salta cara aos lados do nivel e fai aparecer seres da súa mesma forma.
  • Nivel 70: É a bruxa malvada que rapta ás princesas nos cinco primeiros niveles, e que logo fai o mesmo con Nick e Tom. Salta entre os desniveis da pantalla ao tempo que crea pequenos robots nos laterais, en grupos de tres.

As mecánicas do xogo eran simples pero realmente aditivas. Por suposto, non te podías durmir demasiado, xa que de demorarte demasiado en finalizar un nivel, unha especie de cabaza cadavérica comezaría a perseguirte para acabar coa túa vida. Tamén, pasados uns niveis, aparecían loitadores de sumo no punto máis alto da pantalla para tirar boliñas de lume para acabar con Nick e a Tom.

Curiosamente, tralo seu éxito nas máquinas recreativas, Ocean mercou os dereitos para adaptar Snow Bros a tódolos fogares. Pese a que se anunciou a bombo e pratillo tal fazaña, nunca as conversións anunciadas para ZX Spectrum, C64, Amstrad GX4000, Atari ST e Amiga chegaron a ver a luz.

Non malgastou tempo Toaplan que logo editou Otenki Paradise / Snow Bros 2: With New Elves, similar ao título orixinal pero cunha serie de vistosas novidades. Non tivo o éxito do seu predecesor.

Os anos pasaron e foron aparecendo algunha que outra versión nova de Snow Bros ou baseada no seu sistema de xugabilidade. Cabe lembrar esa delirante adaptación feita por Syrmex, que logrou a licencia do título trala bancarrota de Toaplan. Chamábase Snow Brothers 3: Magical Adventure e convertera a Nick e Tom en futbolistas. En lugar de crear bolos de neve, facían dos inimigos balóns de fútbol. De tolos.

De bonecos de neve a xogadores de fútbol. Soa demasiado raro de por si.

Non hai moito, os dereitos de Snow Bros caeron nas mans de ISAC Entertainment. A compañía coreana invocou a nostalxia e lanzou un par de ports da recreativa orixinal para iOS e Android.

Feito o exercicio de lembranza, pode que agora queiras xogar unha partida ao Snow Bros. Non te preocupes que é máis sinxelo do que parece. A maxia da Rede, claro está. Bótalle unha en MiniJuegos, por exemplo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.