Actualidade Sony adía a presentación de PS5 para apoiar o movemento Black Lives Matter

Sony adía a presentación de PS5 para apoiar o movemento Black Lives Matter

A escalada de tensión nos Estados Unidos após o homicidio de George Floyd nas mans dun policía branco está a ter repercusións en diversos estratos sociais, políticos e económicos. A situación, que continúa evolucionando e xerando ondas de protestas, disturbios e ameazas gobernamentais, propiciou o atraso da presentación de PlayStation 5, programada para este 4 de xuño.

«Decidimos adiar o evento de PlayStation 5 fixado o 4 de xuño. Malia que entendemos que os xogadores de todo o mundo están a desexar ver os xogos de PS5, pensamos que este non é un momento apropiado para celebracións e, por agora, preferimos quedarnos á marxe e permitir que se escoiten outras voces máis importantes», reza a publicación.

Diversas compañías e estudios de videoxogos apoiaron o comunicado, como Microsoft, encomiando a integridade da marca xaponesa nun momento de tal envergadura. Sen nova data, haberá que esperar para coñecer o contido desta presentación que, en principio, tería unha duración de máis dunha hora e ofrecería o aspecto da consola e a mostra do seu potencial a través de diversos títulos exclusivos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.