Sony anuncia que integrará Discord nos sistemas PlayStation
Logo do acordo errado no que acabou a compra de Discord por parte de Microsoft, a plataforma de comunicación continúa o seu camiño. E faino cunha chiscadela á competencia. Sony acaba de anunciar a firma dun acordo entre as dúas compañías. A través dun comunicado, a merca xaponesa explicou que Discord conectará «a súa experiencia social e de xogo en PlayStation Network».
Si, o servizo de fala e escrita estará dispoñible nas consolas PlayStation a partir do próximo ano. É certo, haberá que esperar até o 2022, pero poder integrar a plataforma, os seus chats de voz e os nosos contactos en PS5 e PS4 soa moi tentador. Jim Ryan, mandarín de PlayStation, explica que desde as súas primeiras conversacións cos fundadores Jason Citron e Stan Vishnevsky viu a necesidade de «capacitar os xogadores para crearen comunidades e gozar de experiencias de xogo compartidas».
A día de hoxe, Discord conta con máis de 140 millóns de usuarios, e xa é considerado o fogar dos novos foros da Internet, amais dunha das principais ferramentas para crear comunidades virtuais.