Sony anuncia que o Dual Shock 4 non será compatíbel cos xogos de PS5

Sony anuncia que o Dual Shock 4 non será compatíbel cos xogos de PS5

Interesantes novidades as que achegou Sony sobre o futuro dos periféricos en PS5. O anuncio máis chamativo foi respecto do uso do Dual Shock 4 na consola de nova xeración, o cal poderá ser utilizado para xogar a algúns títulos de PS4 en PS5, pero non será compatíbel cos xogos de PS5.

A xustificación da empresa xaponesa orixínase en que «os xogos de PS5 deberían aproveitar as novas posibilidades e funcións que imos introducir no sistema, grazas ao novo DualSense». Doutra banda, moitos outros elementos si que funcionarán na nova consola. Volantes, sticks para xogos de loita ou joysticks para xogos de avións poderán ser utilizados, sempre que conten coa licenza oficial.

A tecnoloxía VR tamén posuirá esa retrocompatibilidade cos mandos de PS Move e o PlayStation VR Aim Controller. A PlayStation Camera tamén poderá ser usada en PS5, aínda que será necesario utilizar un adaptador que se proporcionará sen custo adicional.

Por último, os cascos inalámbricos Platinum e Gold de Sony, así como os cascos de terceiros que se conecten vía USB ou jack de audio tamén funcionarán en PS5.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados