Sony apúntase á moda das minis

Sorpresa boa para esta mañá. Sony lanzará antes de finais de ano un novo modelo de consola, a PlayStation Classic. Un modelo mini da máquina orixinal que incluirá dous mandos e vinte xogos clásicos entre os que destacan Final Fantasy VII, Tekken 3 ou Wild Arms. Terá un prezo de 99,99 euros e a noticia está sendo recollida dunha maneira moi positiva polos fans da vella consola.
Nunha primeira ollada, a PlayStation Classic parece igual ca PSX só que é un 45 % máis pequena có modelo orixinal e pesa tan só 170 gramos. Ata a caixa será moi similar. Incluirá un cable HDMI e alimentarase a través dun conector USB (ollo porque tamén haberá que enchufala, nun principio, a un porto USB, non a un enchufe).
Como amosa o vídeo que tendes a continuación, pulsando o botón de “abrir” cambiaremos de xogo.
A que poderás xogar?
De entrada sábese que incluirá vinte títulos, pero polo momento só se desvelaron cinco: Final Fantasy VII, Jumping Flash, Ridge Racer Type 4, Tekken 3 e Wild Arms.
É de esperar que se engadan grandes éxitos coma Gran Turismo ou algún título da saga Resident Evil. Tamén Metal Gear Solid sería un dos máis desexados pola comunidade. Tendo en conta que xa hai xogos de compañías como Square Enix ou Bandai Namco, as portas non están pechadas á incorporación de calquera xogo que poidamos imaxinemos.
Tampouco está descartado que en función da zona xeográfica varíen varios dos vinte títulos, algo lóxico se sabemos das diferencias entre consumidores occidentais e orientais. Segundo a nota de prensa de Sony, as unidades “serán limitadas” e aínda non está habilitada a súa reserva en España.
Iso si, non poderá reproducir os títulos orixinais nin se lle engadirán máis xogos a priori.
[…] Coñecíamos xa algún, pero faltaban por saberse moitos. O vicepresidente de marketing de PlayStation, Usama Al-Qassab, anunciou esta mañá a listaxe de títulos que virán no interior do modelo en miniatura dunha das consolas máis queridas da industria. […]