Actualidade Sony compra Haven Studios, o estudio dirixido por Jade Raymond

Sony compra Haven Studios, o estudio dirixido por Jade Raymond

Sony continúa a aumentar o tamaño dos seus PlayStation Studios. Desta vez sacaron a billeteira para facer que Haven Studios, a desenvolvedora creada baixo o mando de Jade Raymond, pase a ser parte da compañía xaponesa. A veterana da industria do videoxogo, ben coñecida polo seu traballo en franquías como Assassin’s Creed ou Watch Dogs, é xa parte dos grupos de traballo de PlayStation.

Indica Sony que «Haven Studios é un estudio emerxente cun equipo excepcional de talentos, e estamos encantados de darlles a benvida a PlayStation como o noso primeiro estudio de desenvolvemento de títulos en Canadá». Pola súa banda, Raymond explica que «progresamos de forma incríbel en pouco tempo grazas ao noso talentoso e xenial equipo»

Esta adquisición empresarial é o novo movemento desta clase desde PlayStation Studios logo de integrar Bungie. A día de hoxe, Haven Studios está a traballar nun título multixogador, que segundo a compañía será «unha experiencia multixogador AAA coa visión de construír un mundo sistémico e evolutivo centrado na liberdade, a emoción e o xogo; que manterá os xogadores entretidos e comprometidos durante anos».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.