Sony confirma o nome PlayStation 5 e o seu lanzamento a finais do 2020

Sony confirma o nome PlayStation 5 e o seu lanzamento a finais do 2020

A través dun comunicado oficial na súa páxina xaponesa, Sony revelou diversa e importante información sobre PlayStation 5. Si, este será o seu nome, PS5, e a súa estrea está xa programa para finais do ano 2020, igual que o da súa rival directa, a Xbox Scarlett de Microsoft.

A información que ofrece o comunicado tamén comenta que os medios internacionais ofrecerán ao longo desta xornada información. Segundo indica o anuncio, a información que transmitirá a compañía xaponesa centrarase nos novos controladores que chegarán con PS5, e cos que esperan «levar a sensación de inmersión a un nivel superior».

O novo mando terá dúas innovacións de relevancia: reinventar a función de vibración e a adopción da tecnoloxía háptica, amais dunha evolución nos botóns L2 e R2.

Esta nova tecnoloxía háptica fará que o xogador poida sentir unha variedade de reaccións máis ampla, por exemplo, a sensación dun golpe contra unha parede, ou o choque contra un valo durante unha carreira. «Mesmo podes correr pola herba e saborear a sensación no barro», sinalan as liñas oficiais.

Doutra banda, os botóns L2 e R2 poderán ser programados polas desenvolvedoras para puír a resistencia do gatillo e facer que coincidan coas accións que o xogador realiza, o que en combinación coa tecnoloxía háptica permitirá reproducir mecánicas máis realistas. Os estudios xa estarían a recibir versións iniciais destes novos controladores, cos que Sony espera «expandir a súa imaxinación».

Malia que non se ofrece información sobre videoxogos, a compañía xaponesa lembra que Death Stranding, The Last of Us: Part II e Ghost of Tsushima figuran como o tridente final de exclusivos para PlayStation 4, sen indicar ningunha posibilidade de que existan versións sobre estas obras para a nova máquina.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados