Actualidade Sony confirma o peche das tendas dixitais de PS3, PSP e PS Vita este verán

Sony confirma o peche das tendas dixitais de PS3, PSP e PS Vita este verán

C’est fini. Sony pechará as tendas de PlayStation 3, PSP e PS Vita este verán. As dúas primeiras deixarán de funcionar este 2 de xullo, mentres que a de PS Vita fara o mesmo o 27 de agosto. Deste ano, claro. Que significa isto? No caso de ter algún destes dispositivos, xa non poderás realizar ningún tipo de compra a través delas. Nin novos xogos, nin DLC, nin compras in- game.

Segundo a compañía xaponesa, a decisión foi tomada como un «un esforzo para centrar os recursos de PlayStation Store en PlayStation 4 e PlayStation 5, o cal nos permitirá mellorar aínda máis a experiencia dos clientes».

E os xogos comprados que non teño instalados? Por sorte (porque visto o visto, un xa ten que se conformar con isto), calquera xogo comprado poderá seguir sendo instalado desde o menú da consola. Emporiso, haberá algunha que outra situación especial que a empresa detallou, por exemplo: «se compraches un lote Cros-Buy e só descargaches a versión para PS3 ou PS Vita, terás que descargar a outra versión antes de que se peche PlayStation Store para o dispositivo correspondente». Ademais, tamén di que «os vídeos que teñas pódense transmitir en streaming en PS3, PS4 ou PS5 mediante a aplicación Os meus vídeos ou en dispositivos móbiles mediante a aplicación PlayStation Vídeo».

Doutra banda, sobre os fondos que un usuario teña dentro da tenda, este terá a posibilidade de trocar xogos e cupóns de PlayStation Plus, pero non poderá trocar cupóns para o fondo moedeiro, como tarxetas regalo, para PS3, PS Vita e PSP unha vez se faga oficial o peche. O saldo que uno teña dispoñible, simplemente seguirá activo na túa conta de PSN, e poderá ser gastado en PS4 e PS5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.