Actualidade Sony confirma que God of War: Ragnarok non é o  nome definitivo da continuación

Sony confirma que God of War: Ragnarok non é o nome definitivo da continuación

Aínda que sobre a continuación de God of War só vimos un teaser cun símbolo —en setembro do ano pasado—, o seu nome continúa sendo un tema de debate. Por que? Porque aínda que se falaba del como God of War: Ragnarok, nunca chegou a confirmar que este fose o seu título oficial, nin polo seu director nin por PlayStation.

Sexa como for, estes días apareceu o nome como tal, logotipo incluído, nun documento interno da compañía para investidores. O asunto foi comentado en redes e a compañía xaponesa quixo aclaralo… modificando o documento orixinal cun logo máis xenérico. A continuación podes apreciar o cambio (nos cadros da dereita):

«O nome e logo do próximo xogo de God of War non son definitivos. Un logo incorrecto foi usado por erro na nosa presentación de relacións con investidores. Non podemos esperar para compartir máis información e desculparnos por calquera confusión», explicou un directivo de Sony a IGN. Teremos noticias pronto do xogo? A saber, mais aquela promesa de telo listo para 2021 soa, como pouco, improbable.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.