Sony confirma que non estará no E3, Microsoft si acudirá

Sony confirma que non estará no E3, Microsoft si acudirá

Outro ano máis, Sony non estará presente no E3 dos Ángeles, a maior feira de videoxogos de todo o mundo. Así o confirmou a compañía a GamesIndustry, que recolle as palabras dun portavoz de Sony Interactive Entertainment, aludindo a que «non cremos que a visión do E3 2020 sexa o lugar adecuado para o que estamos enfocados este ano».

Con todo, Sony asegura que si que realizará acto de presenza ao longo de «centos» de eventos ao longo deste ano. «Temos un catálogo fantástico dos títulos que chegan a PlayStation 4, e co próximo lanzamento de PlayStation 5, realmente esperamos un ano de celebración».

Lembremos que esta será a segunda ocasión, de forma consecutiva, que a empresa xaponesa non acudirá ao E3. Shawn Layden, antigo responsable principal da marca, explicaba o ano pasado que o goteo constante de noticias xunto coa ausencia das marcas de relevancia, debilitaran á feira.

Ante este anuncio, o comité organizador do E3 realizou un comunicado eloxiando a importancia do evento, xa que, segundo eles, «o interese sobre os expositores está a chamar a atención das marcas que ven ao E3 como unha oportunidade».

Microsoft non se perde a cita

Como vasos comunicantes que son, Microsoft non tardou en dar a réplica. Phil Spencer, a través da súa conta de Twitter, confirmaba que a compañía estadounidense si acudiría un ano máis ao E3, sendo fiel á súa cita.

Con novidades tan esperadas como nova información sobre Xbox Series X e os seus plans de futuro, Spencer remarcaba que «o noso equipo está a traballar duro para o E3». Tamén sinalaba que «a nosa forma de facer arte viuse propulsada polo cruzamento transversal de creatividade e progresos técnicos. 2020 marca un fito na viaxe do Team Xbox».

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados