Sony confirma que Sunset Overdrive é agora unha das súas marcas
Sony vén de aclarar un feito que caía de caixón após a adquisición de Insomniac Games: a propiedade intelectual de Sunset Overdrive, o exclusivo de acción de Xbox One, tamén lle pertence. A afirmación saíu de boca de Shuhei Yoshida, presidente de Sony Inteeractive Entertainment Worldwide Studios.
Quere isto dicir que Sunset Overdrive podería aparecer en PlayStation 4? Habería que resolver varias incógnitas no referente ao trato asinado no seu día por Microsoft e Insomniac Games, pero é posíbel. Porén, non semella que este movemento creativo entre dentro dos plans a curto prazo de Sony, que está máis interesando «no que veña con futuros videoxogos» do estudio mercado hai unhas semanas.
O título de acción figura como parte do Xbox Game Pass deste mes, e é unha das obras con máis personalidade dentro do catálogo de Xbox One grazas ao seu ton vándalo, que roza a tolemia cando mestura batallas no aire con defensa de torres. Viu a luz no ano 2014.