Sony dá un salto cara á retrocompatibilidade total

A proximidade da nova xeración de consolas é un feito. Moi probablemente, ao longo do ano 2020 veremos como Sony e Microsoft lanzan os seus próximos modelos d Xbox e de PlayStation ao mercado. Sen dúbida, unha das peticións máis reclamadas polos usuarios é a da retrocompatibilidade: poder xogar aos seus vellos títulos, que xa temos, nestas novas plataformas. Unha petición histórica que a día de hoxe antóllase máis que necesaria. Sony acaba de mover ficha.
A división xaponesa de Sony vén de rexistrar unha patente que permitirá á súa próxima máquina, en teoría, a PlayStation 5, ter retrocompatibilidade con todas as consolas de sobremesa anteriores, a saber: PS4, PS3, PS2 e PSX.
A información viralizouse a través dun artigo en castelán de HobbyConsolas, realizado a partires dun escrito xaponés publicado por Hokanko, o primeiro día de febreiro. Neste documento aparecen algunhas gráficas do funcionamento técnico deste novo sistema.

Modelos PSX, PS2, PS3 e PS4.
O responsable principal do seu deseño sería Mark Cerny, coñecido por ser tamén o home detrás da arquitectura interna de PS Vita e PS4, así como de diversos títulos xogables a día de hoxe. A pregunta é sinxela, como funcionaría esta retrocompatibilidade?
Segundo a patente 2019-503013, número que posúe no seu rexistro nipón, calquera título das pasadas xeracións podería introducirse no dispositivo e funcionar correctamente, tanto CD, coma DVD ou Blu-Ray. Ao parecer, o procesador emularía o comportamento das vellas CPU de Sony ao poder detectar os requirimentos de cada xogo introducido, adaptando a o seu comportamento á devandita petición. É dicir, imitaría cada consola á perfección.
E non haberá melloras nos xogos? É posible, xa que o procesador debería ser infinitamente máis rápido que o que tiñan aquelas máquinas, polo que a porta está aberta a posibles optimizacións como menores tempos de carga ou mellores resolucións.
Por suposto, Sony non confirmou que este sistema vaia estar incluído na súa futura consola de sobremesa. Certamente, é habitual que as empresas rexistren diversas patentes co simple obxectivo de adiantarse á competencia ou por mera seguridade dos seus intereses. O seu uso non está nin moito menos asegurado, pero agora sabemos que está aí

Evolución das consolas de Sony ao longo de dúas décadas.