Actualidade Sony elimina creacións que utilizan elementos de Nintendo en Dreams

Sony elimina creacións que utilizan elementos de Nintendo en Dreams

Unha das ferramentas máis interesantes que chegou este ano á industria é Dreams. O título exclusivo de PS4 permite crear todo tipo de mundos, universos e niveis nos que os límites están na creatividade de cada quen. Porén, non todo o mundo semella estar moi de acordo con esta situación. Sony comezou a eliminar todas as creacións nas que aparecesen personaxes, referencias ou obxectos pertencentes a Nintendo.

O primeiro usuario afectado foi Piece_ of_ Craft, o cal explicou en Twitter que recibiu un correo electrónico no que se indica que a compañía nipoa realizou a reclamación. A orixe da mesma parte dun proxecto deste xogador no que Mario era o protagonista pero que incumpre a lei de dereitos de autor.

Este deseñador e decenas de xogadorees recrearon elementos non só de franquías de Nintendo, senón de moitos outros títulos. Foi un xeito de amosar á comunidade as súas capacidades, tanto deles mesmos como do propio xogo de Media Molecule. Tanto é así, que recentemente se anunciou a posibilidade de trasladar as mellores creacións á PS Store, debido á súa calidade e orixinalidade.

Porén, non todas as compañías compórtanse igual neste aspecto. Malia que moitas delas non tomban os proxectos, todo cambia cando a posibilidade de monetizar as creacións convértese nunha posibilidade real. É por iso que todos aqueles que pretendan crear mundos con elementos alleos a Sony, terán que pensalo dúas veces.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.